Incorporación de fincas

Calquera persoa propietaria pode incorporar as súas parcelas ao Banco de Terras de forma totalmente voluntaria e gratuíta para que o Banco as ceda a persoas que estean interesadas en utilizalas. Na relación contraida entre a persoa propietaria e o Banco de Terras establécense as condicións de incorporación da finca ao Banco de Terras así como as garantías que lle ofrece o Banco no caso de que sexa cedida a outras persoas:

· Garantía de cobro da renda de referencia
· Garantía de que a finca vai ser utilizada correctamente
· Garantía de que no momento en que a persoa propietaria recupere a finca, esta se lle vai a devolver como mínimo nas mesmas condicións de uso nas que a incorporou

Para ofrecer unha parcela ao Banco primeiramente terá que facer unha solicitude de incorporación. Esta solicitude pódea realizar directa e comodamente a través da web de Sitegal, na sección "Ofrecer parcelas". Tamén poderá facela nunha Oficina Agraria Comarcal da Xunta de Galicia ou nas oficinas centrais do Banco de Terras en Santiago. Na solicitude terá que identificar a parcela, xa sexa no mapa ou ben coa identificación numérica do SIXPAC (provincia, concello, nº de zona, nº de polígono e nº de parcela), establecer o prezo ao que quere que se arrende a finca (no caso de ser diferente do prezo de referencia garantido polo Banco de Terras) e aportar uns datos mínimos de contacto. No proceso de solicitude vostede poderá coñecer cal é o prezo de referencia que o Banco lle garante.

Unha vez remate de introducir a solicitude de incorporación poderá descargar un borrador desta, pero deberá acudir ás oficinas centrais do Banco de Terras en Santiago ou dirixirse a calquera Oficina Agraria Comarcal  para rexistrar a súa solicitude diante dun xestor. Este trámite pode ser realizado por un representante debidamente autorizado.

Unha vez realizado este paso, a súa parcela estará dispoñible no Banco para as persoas que poidan ter interese en arrendala. Lembre que o Banco de Terras garántelle recuperar a súa parcela en boas condicións cando finalice o período de arrendamento, así como o cobro da renda cando a parcela se atope arrendada.