Preguntas frecuentes

Banco de Terras de Galicia ou Bantegal?

A denominación oficial é Banco de Terras de Galicia dende o inicio da súa actividade en 2007. O acrónimo BanTeGal foi usado, con carácter comercial e divulgativo, ata a entrada en vigor da lei de mobilidade de terras de 2011. Actualmente carece de uso oficial.

 

De quen é o Banco de Terras?

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento público da Xunta de Galicia, xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

 

Que tipos de parcelas  forman parte do Banco de Terras?

No Banco de Terras están integradas parcelas de titularidade da Agader (procedentes das masas comúns de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas con posterioridade a 1985), parcelas incorporadas por persoas particulares e parcelas de propietario descoñecido incorporadas polo Ministerio de Economía e Facenda.

Na sección Datos principais pode consultar o número e distribución dos diferentes tipos de parcelas incorporadas.

 

Para que fins podo arrendar as parcelas do Banco de Terras?

As parcelas incorporadas ao Banco de Terras poden ser destinadas a fins agrícolas, gandeiros, forestais ou mixtos (por exemplo, unha parte agrícola e outra forestal). Adicionalmente pódese solicitar o arrendamento para outros fins cando o faga unha administración pública (por exemplo para infraestruturas ou campos de ensaio ou investigación) ou unha entidade sen ánimo de lucro (custodia do territorio, fins ambientais ou fins sociais).

 

Calquera parcela pódese arrendar para calquera uso?

No caso das parcelas de titularidade da Agader é o Banco de Terras quen determina –dentro dos límites que sinala a lexislación- o uso ou usos para os que se poden arrendar. Así, existen parcelas arrendables exclusivamente para fins agrícolas ou gandeiros, parcelas arrendables só para fins forestais ou parcelas para as que se pode solicitar calquera dos usos. Cando vostede faga unha solicitude a través de Sitegal, a aplicación amosaralle o uso permitido de cada parcela dispoñible, e non lle permitirá facer a solicitude para un uso diferente dos admitidos.

No caso de parcelas incorporadas por unha persoa particular é esta a que determina o uso para o que se pode solicitar, sempre e cando ese uso sexa compatible coa lexislación sectorial.

 

Está obrigado o Banco de Terras a aceptar calquera parcela?

Non. O artigo 11.8 da lei de mobilidade determina que o Banco de Terras pode non aceptar a incorporación dunha parcela cando esta non sexa apta para usos agrícola, gandeiro ou forestal, cando non se poda acreditar suficientemente a súa titularidade ou cando non estean claros os seus lindes, entre outras razóns.

 

Eu son propietario de parcelas e quero incorporalas ao Banco de Terras. Que garantías me ofrece o Banco?

O Banco de Terras ofrece, ás persoas que incorporan as súa parcelas, tres tipos de garantías: en primeiro lugar, a propia de sermos un instrumento público e con capacidade de interlocución e mediación no caso de conflito; en segundo, a de devolver o predio cando remate o arrendamento en condicións polo menos iguais ás do comezo; e, en terceiro, a de que, no caso de impago por parte da persoa arrendataria, o Banco de Terras lle garante a vostede o cobro puntual do  importe do prezo de garantía, reclamando ao tempo o cobro das cantidades non aboadas.

 

Podo arrendar a terra e as instalacións da miña explotación a través do Banco de Terras?

As terras si, pero as instalacións actualmente non poden ser arrendadas a través do Banco de Terras. O que si pode facer o Banco de Terras é darlle publicidade á existencia das  instalacións, poñer en contacto á persoa titular e ás persoas interesadas no futuro aluguer e mesmo aportar asistencia técnica na formalización do contrato, pero só poderá arrendar a través do Banco de Terras as parcelas que formen parte da explotación.

 

Como propietario, por canto tempo incorporo unha parcela ao Banco de Terras?

En principio, por tempo indefinido, se ben poderá dala de baixa en calquera momento, agás que xa estea arrendada. Nese caso deberá agardar a que finalice o arrendamento. En todo caso, o Banco de Terras comunicaralle á persoa propietaria que a súa parcela vai ser arrendada, indicando o prezo e o prazo de duración antes da entrada en vigor do arrendamento.

 

Podo fixar un prezo para as miñas parcelas ou é fixado polo Banco de Terras?

Calquera persoa propietaria pode fixar un prezo para as súas parcelas no momento de incorporalas ao Banco de Terras, baixo dúas condicións:

- Caso de que a non fixe un prezo, o mínimo para o arrendamento será igual ao prezo de referencia que fixa o Banco de Terras (Ver “Que son os prezos de referencia e garantía?” nesta mesma sección).

- Se vostede incorpora unha parcela co obxectivo de que transcorra o período de dous anos que a lei de montes fixa como mínimo para solicitar o cambio de uso de agrícola a forestal deberá saber que o prazo só computará se a parcela é ofertada ao prezo de referencia, e que o tempo contará a partir da sinatura do contrato de incorporación.

 

Que son os prezos de referencia e garantía?

Os prezos de referencia son os prezos aos que se ofertan as parcelas de titularidade de Agader xestionadas polo Banco de Terras. Estes prezos son aprobados anualmente polo Consello da Xunta, a partir dunha proposta formulada pola chamada Comisión Técnica de Prezos e Valores, da que forman parte diferentes organismos públicos e representantes dos concellos, as cooperativas e os sindicatos agrarios.

Estes prezos de referencia calcúlanse en función do emprazamento xeográfico da parcela, o seu uso e a súa superficie. Eses cálculos fanse tamén para as parcelas incorporadas por particulares, servindo entón para fixar o prezo que o Banco de Terras garante ás persoas propietarias no caso de impago; neste caso chámanse prezos de garantía.

 

Que pasa se a persoa arrendataria deixa de pagar ou deixa a parcela estragada?

En caso de impago, o Banco de Terras fará efectivo o pago á persoa propietaria do prezo de garantía, procedendo á reclamación da débeda á persoa arrendataria polos cauces establecidos legalmente. En caso de incumprimentos reiterados procederase á resolución do contrato.

No caso de que, ao finalizar o arrendamento, a persoa arrendataria deixe a parcela en peores condicións ás de inicio, o Banco de Terras procederá a realizar os labores de acondicionamento ou limpeza reclamándolle o cobro á persoa arrendataria.

 

Para poder arrendar parcelas teño que dedicarme profesionalmente á agricultura?

Non necesariamente. Calquera persoa interesada pode arrendar predios no Banco de Terras. Non obstante, naqueles casos en que dúas ou máis persoas soliciten a mesma parcela, terán preferencia aquelas que se dediquen profesionalmente á agricultura.

 

Podo solicitar un arrendamento en calquera momento?

Non. O Banco de Terras establece períodos abertos para formular solicitudes de arrendamento, que teñen por obxectivo facilitar a transparencia do proceso e a libre concorrencia de persoas solicitantes. Actualmente ábrense dous períodos ao ano: o primeiro nos meses de marzo e abril e o segundo de outubro e novembro.

Fóra deses dous períodos non se poden formular peticións e, no caso de que se fagan, serán denegadas.

 

Podo solicitar o arrendamento de calquera parcela do Banco?

Non. Soamente poden ser solicitadas as parcelas que figuran como “dispoñibles” en cada período. Non son arrendables as que figuran cos estados denominados “en proceso de arrendamento” (parcelas solicitadas en períodos anteriores e que están en diferentes fases de tramitación) ou “non arrendables” (parcelas que teñen calquera tipo de problema de delimitación ou que foron solicitadas por organismos públicos para fins de interese social).

 

Cando solicito unha parcela podo ofertar un prezo diferente ao de partida?

Si. A persoa solicitante pode, no momento de facer a solicitude, ofertar  o prezo polo que estaría disposto a arrendar dita parcela, por riba do prezo de saída. O prezo ofertado, a maiores doutros factores, será tido en conta no caso de existir varias solicitudes sobre a mesma parcela.

 

Por canto tempo podo arrendar unha parcela do Banco de Terras?

A lei de mobilidade de terras establece prazos máximos de arrendamento en función do destino que se lle dea á parcela. Así, para destinos forestais o prazo máximo será de 70 anos e para o resto de casos será de 30 anos. Non obstante, e agás circunstancias excepcionais, os arrendamentos establécense por períodos de vinte anos para fins forestais  por cinco anos para outros fins. No caso de acordo mutuo entre a persoa propietaria e a arrendataria, respectarase o prazo pactados por eles.

 

Outra persoa  tamén está interesada nunha parcela. Quen ten preferencia?

No caso de existir varias solicitudes de arrendamento nun mesmo período están establecidos un conxunto de criterios de adxudicación valorados. A parcela será adxudicada á persoa que obteña maior puntuación na aplicación dos criterios, establecéndose tamén un procedemento de resolución no caso de empate. Os criterios de valoración e o método de desempate pódense consultar aquí.

 

Que é un arrendamento pactado?

Un arrendamento pactado é unha figura recollida na lei de mobilidade pola que unha persoa titular e unha arrendataria pactan as condicións (uso, duración e prezo) e acoden ao Banco de Terras para formalizar ese acordo. As condicións do arrendamento (garantía de cobro e de mantemento da parcela en boas condicións)  serán as mesmas que no arrendamento ordinario; a única diferenza é que a parcela non é posta a disposición do conxunto das persoas interesadas e que, polo tanto, non se teñen en conta os períodos de arrendamento.

 

Pode a persoa arrendataria arrincar os marcos ou modificar a parcela?

Non pode alterarse ningún elemento singular da parcela sen permiso da persoa propietaria (marcos, muros, peches, corta de árbores, ...).

 

Estou interesado en arrendar unha parcela de propietario descoñecido, podería facelo a través do Banco de Terras? Como tería que facelo?

Existe un convenio de colaboración entre o Banco de Terras e o Ministerio de Economía para a xestión do arrendamento de parcelas de propietario descoñecido (inmobles vacantes ou en proceso de investigación). Actualmente o Banco de Terras xestiona un catálogo de arredor de 80 parcelas desas características. Soamente poden ser arrendados por medio do Banco de Terras os predios que se atopen nese catálogo.

 

Estou interesado en mercar unha parcela do Banco de Terras, podo facelo? Que tería que facer?

A lei de mobilidade de terras contempla a posibilidade de que o Banco de Terras poida vender predios da súa titularidade, mediante dous mecanismos: a venda por poxa pública e a venda directa, a prezo taxado, a propietarios estremeiros.

Actualmente non están habilitados procedementos para ningún dos dous tipos de vendas. Non obstante, se vostede está interesado na adquisición dun predio do Banco –especialmente no caso de ser estremeiro dalgunha das nosas parcelas- aconsellámoslle que se dirixa a nós para ser incluído nun rexistro, o que lle permitirá recibir información no momento no que se poda proceder á venda.

 

Teño que pagar algo por usar o Banco de Terras?

A incorporación de parcelas no Banco de Terras é totalmente gratuíta, así como as súas xestións, tanto de solicitudes de arrendamento como de incorporación. Unicamente, no caso de que a parcela fose arrendada, o Banco de Terras establece unha comisión do 1% do prezo do arrendamento, que descontará no abono dos recibos á persoa propietaria.