Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia

O Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia foi creado en virtude de convenio subscrito o día 29 de decembro de 2016 entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela.


Este Observatorio nace co obxectivo de recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia para mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras a nivel parroquial/municipal e para co conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia, co dobre obxectivo de poder deseñar e implantar políticas públicas tendentes a un mellor aproveitamento da terra e dos recursos do territorio, e ao tempo fornecer datos que axuden ás decisións dos axentes privados.


Ademais desta información anual sistematizada sobre prezos e mobilidade, o Observatorio poderá xerar aquela información que poida ser demandada polas entidades e organismos que forman parte do observatorio no ámbito das súas respectivas competencias, organizar xornadas ou foros de debate para difundir información sobre a mobilidade de terras, así como realizar estudos temáticos relacionados coa terra e o seu aproveitamento por parte dos distintos sectores produtivos do medio rural de Galicia.

 

Orixe
O Observatorio de Mobilidade de Terras ten a súa orixe nun traballo previo desenvolvido entre os anos 2013 e 2014 pola Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Universidade de Santiago de Compostela “Propiedade, Mobilidade de Terras e Valorización Territorial”. Entre os seus propósitos principais estaba o de deseñar un protocolo institucional, técnico e tecnolóxico para a mellora da caracterización e comprensión da mobilidade de terras en Galicia, co obxecto de analizar e comprender os mercados de terras, os efectos que teñen na mobilización produtiva da terra agrícola e, a través dela, na flexibilidade e eficacia da produción primaria.


Este proxecto concluíu que as fontes idóneas para obter información sistemática e actualizada sobre as dinámicas da mobilidade de terras en Galicia son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados. Por outro lado, a integración dos datos do Sistema de Información Xeográfica Catastral (SIXCA) e o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) permite obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas. Finalmente, a análise dos indicadores en relación a variables do REAGA ou o Mapa de Aptitude Produtiva do Solo, entre outros, permiten facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais, así como, caracterizar os índices (prezo, por exemplo) en función de variables estruturais e agronómicas.

 

Informes anuais

Informe anual 2017

O período 2014-2016 caracterízase por unha lixeira baixada do número de operacións e área total obxecto de compravenda respecto do trienio anterior, tanto da superficie agrícola utilizada (SAU) como dos terreos de monte. O número de operacións de compravenda de terras rústicas rexistradas no 2016 foi de case 40.000, menos que as 48.500 de 2014 se ben un número non moi diferente aos valores rexistrados habitualmente desde 2009 (entre 40.000 e 45.000 operacións por ano). A área total transaccionada seguiu unha tendencia similar: estimamos que en 2016 foron arredor de 10.400 ha transferidas por compravenda, de novo na liña do ocorrido nos anos anteriores (entre 10.000 e 12.000 ha por ano na maioría dos casos e cun máximo de 16.400 ha en 2013). O pequeno descenso no volume de transaccións dos últimos anos concentrouse nalgunhas áreas das provincia de Lugo e Ourense.

Os prezos medios mostran unha tendencia lixeiramente alcista desde o ano 2013 no caso das terras de monte e desde 2015 no caso da superficie agrícola. Porén, obsérvanse diferencias acusadas a nivel municipal, e nos últimos anos observouse unha diminución apreciable dos prezos medios nas áreas onde estes eran e continúan a ser máis elevados, particularmente no occidente da provincia de Pontevedra. En 2016, o prezo medio da terra foi de 0,89 euros/m², pero como é natural acadou maiores valores no caso da SAU (1,31 euros/m2) que nos terreos de monte (0,58 euros/m2).