RONSEL

O proxecto Ronsel xurde da colaboración entre as Consellarías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia e as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

As tres guías fundamentais deste proxecto, a desenvolver en cinco anos, son a realización do inventario, a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) de Galicia.

A fase inicial do proxecto Ronsel foi executada entre xuño e novembro de 2007, e consistiu fundamentalmente na elaboración dun Plan Salvagarda e Posta en Valor, é dicir, no deseño dun plan de accións relativas ao patrimonio que permitan cumprir os obxectivos xa indicados. Convocáronse un total de cincuenta especialistas en diferentes ámbitos do PCI, persoas que desde todos os ámbitos da sociedade galega, achegaron as súas ideas e coñecementos para a elaboración dun documento que pode guiar ás institucións públicas no establecemento de medidas que permitan poñer en valor, salvagardar e revitalizar o noso patrimonio inmaterial; un documento que achega as necesidades técnicas e os planos para tender unha ponte entre as administracións, as universidades, as asociacións e as propias comunidades de portadores do coñecemento tradicional.
Máis información >>