Novas

05.11.2017
Medio Rural asina un convenio de colaboración para divulgar os lugares de interese dos montes do Courel
Sinatura convenio Asociación Montañas do Courel
O director xeral de Agader asinou hoxe o acordo polo que se gravará un vídeo de promoción a vista de dron. Esta acción pretende contribuir á candidatura da contorna como Xeoparque Mundial da Unesco, que sería o primeiro da súa clase no noroeste español.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Montañas do Courel para apoiar a súa candidatura a Xeoparque Mundial da Unesco. O director xeral de Agader, Miguel Pérez Dubois, asinou hoxe este acordo aproveitando a súa asistencia á XXX festa da Castaña do Courel que ten por obxectivo a difusión, e divulgación dos lugares de interese xeolóxica (xeosites) dos montes do Courel a vista de dron.

A sinatura do convenio, que tivo lugar na estación científica do Courel, contou coa presenza do delegado  territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a asistencia dos tres concellos que forman parte da asociación Montañas do Courel: a alcaldesa de Folgoso, Dolores Castro, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro. Os tres quixeron poñer en valor a coordinación, colaboración e aposta polo desenvolvemento territorial destes montes baixo unha estratexia baseada no seu patrimonio xeolóxico. Ese será precisamente o protagonista e o eixo condutor a partir do cal se desenvolverán as iniciativas de divulgación coas que se pretende favorecer o desenvolvemento socioeconómico e cultural deste entorno a través da promoción turística.

Precisamente nestas actividades enmárcase o acordo asinado hoxe. O convenio establece que se elaborará un contido audiovisual dos principais xeosites desta candidatura, que xa ten identificados 97 lugares de interese xeolóxico, 36 lugares de interese cultural e seis lugares de biodiversidade. A singularidade do proxecto radica en que se utilizarán imaxes aéreas con dron para a elaboración deste vídeo de promoción. 

Para Agader este proxecto contribuirá á cohesión do territorio galego e, á súa vez, a mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural desta contorna porque fomentará a actividade económica a través do turismo. Neste sentido encaixa coa filosofía da axencia, que quere acometer a posta en marcha de proxectos singulares que poidan beneficiar a elementos do ámbito cultural e natural de Galicia, xa que as devanditas actuacións inciden tanto na preservación do valores sociais do rural e da propia relación dos seus habitantes co seu medio, como na mellora dos servizos educativos, culturais, e de ocio. Todo isto fai do rural un lugar máis atractivo e polo tanto favorece á fixación da poboación no campo e mesmo do tecido produtivo, ao ser estas accións interesantes dende o punto de vista da diversificación económica enfocada principalmente ao ámbito do turismo.

Todos estes obxectivos que comparten as entidades asinantes do convenio, vénse reflectidos perfectamente na candidatura da Unesco Montañas do Courel, que poderá converter este territorio no primeiro xeoparque mundial do noroeste español e o primeiro de Galicia.

Por último, destacar a presenza no acto dos membros da xunta Directiva da Comisión de Patrimonio Geológico de la Sociedad Geológica de España (CPG-SGE), entre os cales estaban  o seu presidente, Manu Monge, e o presidente do Foro Geoparques España,  Asier Hilario Orús. Ambos foron invitados pola Asociación Montañas do Courel e aproveitaron para coñecer os principais lugares de interese xeolóxico da candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.