Novas

12.01.2018
Medio Rural avanza no traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos da provincia de Pontevedra
Reunión alcaldes Pontevedra cesión parcelas
Na reunión desta mañá, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou aos alcaldes dos concellos beneficiados o proceso a seguir a partires de agora no que supón unha nova quenda para o recoñecemento da titularidade dos predios aos municipios.

A Consellería do Medio Rural continúa cos contactos para levar a cabo a última quenda do traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos de toda Galicia. Ás 10:30h de hoxe, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo un encontro cos responsables de municipios da provincia de Pontevedra que poderán beneficiarse da dita transferencia para explicarlles que predios son susceptibles de recibir para o seu uso veciñal e o proceso a seguir.

Nesta ocasión, o Director xeral de Agader, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, reuniuse cos representantes dos concellos de Cambados, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Ribadumia, Tomiño e Vilanova de Arousa. Entre estes concellos suman 84 parcelas susceptibles de ser de titularidade municipal.

Isto é así grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que permite que este tipo de terreos sen utilidade agraria pasen a ser directamente do concello dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata o de agora.

De feito, non é a primeira vez que se formaliza un traspaso deste tipo. En total, no 2017 a Consellería do Medio Rural formalizou o cambio de titularidade de 1.234 parcelas a 37 concellos e o obxectivo é chegar á revisión duns 2.500 terreos que forman parte do catálogo de terras pero que non poden ser arrendados a agricultores e gandeiros.