Novas

30.01.2018
Medio Rural destinou máis dun millón de euros en 2017 a financiar diferentes proxectos singulares en 15 concellos galegos
Instalacións eficiencia enerxética Irixoa
A conselleira Ángeles Vázquez supervisou hoxe unha destas intervencións no municipio coruñés de Irixoa, centrada na eficiencia enerxética na xestión do alumeado público. Estas iniciativas están orientadas á mellora da calidade de vida da poboación a través da posta en valor de infraestruturas, do patrimonio ou da industria agroalimentaria.

A Consellería do Medio Rural achegou case un millón de euros en 2017 para financiar diferentes proxectos singulares en 15 concellos galegos. Estas iniciativas están orientadas á mellora da calidade de vida da poboación a través da posta en valor de infraestruturas, do patrimonio ou da industria agroalimentaria.

A conselleira Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, supervisou hoxe unha destas intervencións no municipio coruñés de Irixoa, acto no que tamén estivo presente o seu alcalde, Antonio Deibe.

Tratouse dun programa piloto de eficiencia enerxética no alumeado público mediante luces led coa utilización de enerxía fotovoltaica. Agader financiou estes traballos con 94.000 euros, que se destinaron, por parte do Concello, á instalación de módulos de fotovoltaica, luminarias led, xeradores, cables e instalación.

Este tipo de proxectos singulares beneficiaron tamén os municipios de Ordes, Cabanas, Melide, Vilarmaior e Mesía na provincia da Coruña; Bóveda, Quiroga e Folgoso do Courel na de Lugo; O Bolo na de Ourense e A Cañiza, A Estrada, Vila de Cruces, Rodeiro e Cerdedo-Cotobade na de Pontevedra.

 

Iniciativas financiadas

Entre estas iniciativas financiadas por Agader salientan, polo seu orzamento, o acondicionamento do antigo matadoiro para secado de xamóns na Cañiza, que supuxo un investimento de máis de 122.000 euros, ou a rehabilitación da ponte da Carixa, en Vila de Cruces, cunha achega de 100.000 euros. No eido do patrimonio tamén se traballou na humanización da igrexa de Torres, en Vilarmaior, a recuperación dun muíño do século XIX no Bolo ou a restauración das pontes de San Lourenzo e Almofrei, ambas en Cerdedo-Cotobade.

Outros proxectos que recibiron apoio de Medio Rural centráronse por exemplo na adaptación das antigas oficinas veterinarias das naves da feira de Rubián, en Bóveda, para convertelas nun local social, diversas melloras no recinto feiral de Melide ou a humanización da contorna do Castelo de Mesía.

 

Fai clic aquí  para ver a nova emitida nos informativos da TVG.