Novas

10.01.2018
Medio Rural inicia o proceso de traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos da provincia de Ourense
Reunión alcaldes Ourense cesión parcelas
O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de municipios beneficiados para explicarlles o proceso a seguir. Trátase dunha nova quenda para o recoñecemento da titularidade de predios aos municipios.

A Consellería do Medio Rural comezou os contactos para levar a cabo a última quenda do traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos de toda Galicia. Ás 13:00h de hoxe, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo un encontro cos responsables de municipios da provincia de Ourense que poderán beneficiarse da dita transferencia para explicarlles que predios son susceptibles de recibir para o seu uso veciñal e o proceso a seguir.

O Director xeral de Agader reuniuse cos representantes dos concellos de Bande, O Carballiño, Castrelo do Val, Cualedro, Esgos, Monterrei, Muíños, Oímbra, San Cibrao das Viñas, A Veiga, Verín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo. Entre todos estes concellos hai 107 parcelas susceptibles de ser de titularidade municipal.

Isto é así grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que permite que este tipo de terreos sen utilidade agraria pasen a ser directamente do concello dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata o de agora.

De feito, non é a primeira vez que se formaliza un traspaso deste tipo. En total, no 2017 a Consellería do Medio Rural formalizou o cambio de titularidade de 1.234 parcelas a 37 concellos e o obxectivo é chegar á revisión duns 2.500 terreos que forman parte do catálogo de terras pero que non poden ser arrendados a agricultores e gandeiros.