Novas

22.12.2017
Medio Rural pecha o ano co traspaso de máis de 1.200 parcelas do banco de terras a 37 concellos galegos
Entrega de títulos a concellos 22 de decembro de 2017
A conselleira formalizou hoxe o cambio de titularidade de 519 predios a dez municipios das catro provincias. Ultímase así o obxectivo de revisar os 2.500 predios sen utilidade agraria que formaban parte do catálogo público

 Consellería do Medio Rural vén de facer un novo traspaso de predios do Banco de Terras a diferentes concellos galegos para que lle dean diversos usos municipais. Deste xeito, péchase o ano coa entrega de 1.234 parcelas a 37 concellos, co que se avanza no obxectivo de revisar todos os predios que non teñen utilidade agraria, pero que forman parte deste catálogo e que se calcula chegaban aos 2.500 terreos.

En concreto, neste último paquete que formalizou hoxe a conselleira Ángeles Vázquez, incluía 519 parcelas a repartir entre dez concellos: Santiago, Teo, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Sandiás, Vilar de Santos, Cartelle e A Estrada. Ao acto asistiron responsables de cada un dos municipios, así como o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

Súmanse ás outras entregas feitas ao longo do ano e que comezaron en maio polo concello de Vedra, ao ser un dos que máis terreos tiña no Banco de Terras. Estes cambios de titularidade son posibles grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga), que facilita que estes terreos pasen a ser de titularidade municipal dun xeito máis sinxelo e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras.

Con esta entrega ultímase o proceso de revisión do Banco de Terras que pretendía facer un filtrado daquelas parcelas que non eran aptas para alugar a gandeiros ou titulares forestais, co obxectivo de facer este instrumento máis operativo. A día de hoxe, conta no seu catálogo cuns 12.500 predios.

Tras un primeiro estudo detectáronse unhas 2.500 susceptibles de ser traspasadas. Tras ser analizadas cada unha de xeito individualizado xa se ten cambiado a titularidade de máis de 1.200 e o resto farase en breve. Os traballos, polo tanto, está previsto que continúen en 2018 ata completar o proceso.