Novas

09.03.2018
O remate do proceso de revisión do banco de terras intensificará o esforzo na mobilización de parcelas con utilidade agraria
Entrega títulos de propiedade a concellos
Ángeles Vázquez fixo entrega hoxe dos últimos 957 terreos a 73 gobernos locais nun acto na Cidade da Cultura. Este proceso supuxo o traspaso de preto de 2.200 predios sen utilidade agraria a 110 concellos de toda Galicia

A Consellería do Medio Rural finalizou hoxe o proceso de revisión do catálogo do Banco de Terras co traspaso dun último lote de 957 parcelas a 73 municipios de toda Galicia. O remate deste filtrado de predios sen utilidade agraria permitirá que este instrumento de mobilización de terras poida intensificar e optimizar os recursos dispoñibles e, así, centrarse no arrendamento de terras válidas para usos agrícolas, gandeiros e forestais e poñer en valor de grandes áreas.

En total, en menos dun ano (o primeiro traspaso foi a Vedra en maio de 2017) revisáronse en torno a 2.500 parcelas e finalmente traspasáronse 2.194 a 110 concellos. Estes espazos poderán agora ser utilizados polos veciños ben directamente ou a través de servizos municipais. Moitos deles xa teñen construcións como cemiterios, depuradoras, depósitos de incendios, etc, xa que procedían de masas comúns de zonas de concentración parcelaria transferidas no seu momento ao Banco de Terras.

O acto de entrega formal levouse a cabo na Cidade da Cultura, alí a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, formalizou cos alcaldes a cesión destes últimos predios que poden ser traspasados directamente aos gobernos locais grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga). Esta norma contemplou o recoñecemento da titularidade municipal dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras para aqueles espazos que, en realidade, non podían poñerse a producir. Ata ese momento, supuña pasar por 36 pasos administrativos.

Por provincias, nesta última entrega, 549 predios foron a parar a 32 concellos da provincia da Coruña, outros 218 a 22 municipios de Lugo, 107 a 13 localidades de Ourense e por último seis concellos de Pontevedra recibiron 83 terreos.

 

Máis instrumentos de mobilización

Ao acto tamén asistiu o director da Agader, Miguel Pérez Dubois, xa que é o organismo ao que pertence o Banco de Terras e dende o que se están levando a cabo as novas ferramentas da consellería para favorecer a mobilidade agraria en Galicia. O principal e máis coñecido é o das reestruturacións parcelarias. Actualmente hai 128 procesos abertos que se pretenden pechar administrativamente antes de 2020.

Pero non é a única ferramenta prevista. A Consellería do Medio Rural está creando diferentes fórmulas para poñer a producir terras por toda Galicia. Así, hai proxectos en Cualedro e Oímbra, en Sober e no Baixo Miño, entre outros. En definitiva, a Consellería do Medio Rural busca poñer a producir parcelas a través de todo tipo de acordos áxiles que resolvan as necesidades dos veciños no rural.