Novas

04.07.2018
Un total de 115 beneficiarios recibiron 3,7 millóns de euros en axudas de Agader para apoiar actividades non agrarias no rural
Axudas non agrícolas no rural
O DOG publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade ás subvencións da última convocatoria destas achegas, que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Un total de 115 empresas e entidades beneficiáronse das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas na última convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Recibiron un total de 3,7 millóns de euros en axudas, para un orzamento que en conxunto supera os 8,2 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de Agader pola que se dá publicidade a estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Os beneficiarios destas axudas que xestiona Agader, axencia dependente da Consellería do Medio Rural, son pequenas empresas, persoas físicas que residen nunha zona rural e familias titulares dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas.

Estas liñas de subvencións forman parte do Plan de fixación da poboación no agro que impulsa o Goberno galego. Esta iniciativa contempla ata 23 medidas diferentes coas que se pretenden alcanzar preto de 3.000 novos postos de traballo no rural no horizonte de 2020, cun orzamento total que supera os 230 millóns de euros.