Caldas

É a de Caldas unha comarca funcional, porque a súa unidade non está determinada nin pola existencia dunha área natural diferenciada, nin por razóns históricas específicas, senón pola influencia dunha vila –Caldas de Reis- sobre o seu contorno. Ten 288 km2, sete municipios e preto de 35.000 habitantes.

Desde o punto de vista natural está formada por dúas claras unidades xeográficas: o esteiro do Ulla ao norte e os cursos medio e alto do Umia ao sur. Terras pois de vales e interfluvios. O Ullán corresponde ao curso baixo do Ulla co seu amplo esteiro, e del forman parte os actuais municipios de Catoira, Valga e Pontecesures. No interior, a disposición topográfica debuxa unha ampla depresión, percorrida polo curso medio do río Umia. Estas pequenas cuncas están rodeadas por un anel topográfico, roto transversalmente pola grande abertura que forma o profundo rego, inscrito nunha fosa tectónica de amplas dimensións, que atravesa a comarca en dirección sur, e facilita e canaliza as comunicacións entre Santiago e Pontevedra. No fondo desta fosa está Caldas de Reis que, como o seu nome indica, naceu ao amparo dun manancial de augas termais, utilizadas xa polos romanos.

Á vista da disposición xeográfica do espazo, enténdese a importancia que tivo Caldas como cruce central de camiños naturais, o cal lle conferiu á vila termal unha importante centralidade, e lle permitiu ampliar as súas relacións mercantís a todo o territorio que hoxe constitúe a súa comarca.

Os viñedos, case no seu límite ecolóxico, e os humedais mestúranse con industrias lácteas, madereiras, fabricación de cerámica, metalúrxicas e outras, e destaca o centro urbano de Pontecesures. En cambio, no val do Umia, as actividades agropecuarias e forestais son dominantes, e nesa área gozan de fama as vilas balnearias de Caldas de Reis e Cuntis.

Comarca de Caldas en Galicia
Concellos da Comarca de Caldas