Ferrol

Esta comarca (11 municipios, algo máis de 160.000 habitantes e 624 km2) débelle a súa configuración actual á expansión do fenómeno urbano e industrial, que aglutinou no seu territorio a un gran número de pequenas poboacións. Este factor prevaleceu sobre outros secundarios, e impúxose como forza expansiva da actividade económica da cidade, e tamén doutras localidades situadas no contorno da ría (Neda no século XVII, Ferrol desde o XVIII e Fene no século XX), e formaron así unha extensa comarca urbana. Coincide tamén cunha comarca natural; a que forma a ría de Ferrol coa cunca do seu principal emisario, o río Grande de Xubia. Polo norte a comarca natural continúa para territorios do antigo partido de Ortigueira, algún dos cales –como Valdoviño- xa forma parte da actual área periurbana.

Dentro do perímetro da comarca diferéncianse tres aneis subcomarcais. Por un lado, está o formado polos municipios ribeiráns da ría que, de feito, constitúen unha área urbana continua e unida por fortes interrelacións, formando o que se deu en chamar Ferrolterra. Alí amalgámanse os expansivos centros de Narón, os dous de Xubia, separados pola división administrativa, pero unidos por unha ponte; os outros dous de Neda (Santa María e San Nicolás), o complexo industrial e urbano de Fene, as belas localidades, antes de veraneo e de tránsito, do Seixo, Barallobre ou Maniños e a fronte marítima de Mugardos, todo iso cerrado por dous castelos enfrontados. Un anel ribeirán da estratéxica ría, onde as industrias, moitas de antiga orixe, outras con mellores recordos, e o comercio dan vida ás poboacións. A orla interior está composta por pequenas áreas locais, cada unha das cales corresponde ao seu propio municipio (Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e As Somozas); e, en terceiro lugar, a subcomarca de Cedeira, unha fermosa vila pescadora e de veraneo, ao pé da máxica Capelada. En todos os casos, as relacións económicas e funcionais con Ferrol son moi intensas, e integran tan variadas unidades nunha área de carácter urbano.

Comarca de Ferrol en Galicia
Concellos da Comarca de Ferrol