Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia

O Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia foi creado en virtude de convenio subscrito o día 29 de decembro de 2016 entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela.


Este Observatorio nace co obxectivo de recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia para mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras a nivel parroquial/municipal e para co conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia, co dobre obxectivo de poder deseñar e implantar políticas públicas tendentes a un mellor aproveitamento da terra e dos recursos do territorio, e ao tempo fornecer datos que axuden ás decisións dos axentes privados.


Ademais desta información anual sistematizada sobre prezos e mobilidade, o Observatorio poderá xerar aquela información que poida ser demandada polas entidades e organismos que forman parte do observatorio no ámbito das súas respectivas competencias, organizar xornadas ou foros de debate para difundir información sobre a mobilidade de terras, así como realizar estudos temáticos relacionados coa terra e o seu aproveitamento por parte dos distintos sectores produtivos do medio rural de Galicia.

 

Orixe

O Observatorio de Mobilidade de Terras ten a súa orixe nun traballo previo desenvolvido entre os anos 2013 e 2014 pola Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Universidade de Santiago de Compostela “Propiedade, Mobilidade de Terras e Valorización Territorial”. Entre os seus propósitos principais estaba o de deseñar un protocolo institucional, técnico e tecnolóxico para a mellora da caracterización e comprensión da mobilidade de terras en Galicia, co obxecto de analizar e comprender os mercados de terras, os efectos que teñen na mobilización produtiva da terra agrícola e, a través dela, na flexibilidade e eficacia da produción primaria.


Este proxecto concluíu que as fontes idóneas para obter información sistemática e actualizada sobre as dinámicas da mobilidade de terras en Galicia son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados. Por outro lado, a integración dos datos do Sistema de Información Xeográfica Catastral (SIXCA) e o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) permite obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas. Finalmente, a análise dos indicadores en relación a variables do REAGA ou o Mapa de Aptitude Produtiva do Solo, entre outros, permiten facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais, así como, caracterizar os índices (prezo, por exemplo) en función de variables estruturais e agronómicas.

 

Informes anuais

Informes anuais 2018 e 2019

O período 2014-2016 caracterízase por unha lixeira baixada do número de operacións e área total obxecto de compravenda respecto do trienio anterior, tanto da superficie agrícola utilizada (SAU) como dos terreos de monte. O número de operacións de compravenda de terras rústicas rexistradas no 2016 foi de case 40.000, menos que as 48.500 de 2014 se ben un número non moi diferente aos valores rexistrados habitualmente desde 2009 (entre 40.000 e 45.000 operacións por ano). A área total transaccionada seguiu unha tendencia similar: estimamos que en 2016 foron arredor de 10.400 ha transferidas por compravenda, de novo na liña do ocorrido nos anos anteriores (entre 10.000 e 12.000 ha por ano na maioría dos casos e cun máximo de 16.400 ha en 2013). O pequeno descenso no volume de transaccións dos últimos anos concentrouse nalgunhas áreas das provincia de Lugo e Ourense.

Os prezos medios mostran unha tendencia lixeiramente alcista desde o ano 2013 no caso das terras de monte e desde 2015 no caso da superficie agrícola. Porén, obsérvanse diferencias acusadas a nivel municipal, e nos últimos anos observouse unha diminución apreciable dos prezos medios nas áreas onde estes eran e continúan a ser máis elevados, particularmente no occidente da provincia de Pontevedra. En 2016, o prezo medio da terra foi de 0,89 euros/m², pero como é natural acadou maiores valores no caso da SAU (1,31 euros/m2) que nos terreos de monte (0,58 euros/m2).

O obxectivo é favorecer uns procesos de arrendamento o máis rápidos posible e con todas as garantías. Coa mobilización dos terreos acadarase tamén a finalidade de lograr un rural máis resiliente aos incendios e que sirva ademais como foco de atracción para fixar poboación.

O informe 2019 recolle o número de operacións de compravenda. En total, no 2017 houbo 39.669 operacións en toda Galicia, fronte ás 38.665 de 2016, o que supón un aumento de case 3%. Así, os datos mostran certa estabilidade no período 2008-2017, cunhas 40.000 operacións por ano. Respecto á superficie, foron 9.835 as hectáreas mobilizadas por procesos deste tipo en Galicia, a maioría relacionadas co monte, 6.388 hectáreas, fronte ás 3.448 de terreos agrarios.

O informe tamén analiza a información a nivel local. Así, as maiores taxas de transferencia concéntranse na metade norte de Galicia, nas provincias de Lugo, da Coruña e na parte norte da provincia de Pontevedra. A situación é similar entre a superficie de uso agrícola ou gandeiro e a superficie de monte. A comarca máis activa en canto ao número de operacións é Ortegal, con 12.408 transaccións, na súa maioría relacionadas con parcelas de monte (9.145). Séguelle a Terra Chá con 11.866 transaccións que xa están moito máis equiparadas: 5.529 de monte e 6.337 de superficie agraria, sendo a comarca con máis operacións deste último tipo. En terceiro lugar estaría a comarca do Deza, con 8.472 operacións: 5.156 de superficie agraria e 3.313 relacionadas co monte. En canto ao prezo, o máis alto atópanse na comarca de Vigo con 8,13 euros/m2, seguido pola do Morrazo con 7,83 euros/m2 e pola do Salnés, con 4,92 euros/m2.