Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)

axudas_leader.png

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de "Procesos de abaixo cara arriba". As estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural defínense no propio ámbito local do territorio, e as decisións sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian son tomadas nese mesmo ámbito, logo dun amplo proceso participativo, por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa).

Como resultado desa participación da sociedade rural constituíronse en Galicia 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionaron os proxectos axeitados para levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento.

Estes GDR implican polo tanto unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só do sector primario, como no resto de dimensións sociais; equipamentos, servizos e dotacións públicas, defensa dos valores patrimoniais e medioambientais, relacións sociais, traballo en rede, etc. Estes proxectos poden ser de natureza produtiva, aqueles orientados á xeración de emprego e riqueza, ou non produtiva, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.

Por tanto, son os GDR entidades dinamizadores no medio rural e claves no referente ás políticas de fixación da poboación e incluso na loita contra a desocupación do agro e o seu abandono.