Plan estratéxico de actuación integral para a recuperación, dinamización e valorización territorial da área suroriental de Ourense

Dentro dos obxetivos prioritarios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está esta o de deseñar e implementar estratéxias e plans integrais para o desenvolvemento e xestión do territorio rural que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes socioeconómicos.

A provincia de Ourense é unha das máis castigadas polos lumes de maneira recorrente. Nos lumes de setembro de 2020 queimáronse unhas 10.000 hectáreas cunha media ducia de lumes que entran no escenario dos Grandes Incendios Forestais, ao superar as 500 hectáreas, afectando con gravidade a área sur da provincia de Ourense (Cualedro, Oímbra e Monterrei) . Ás importantes perdas no patrimonio medioambiental engádense o impacto que pode ter no turismo destas áreas, pola destrución da paisaxe como consecuencia do lume. Ademais do anterior a área transfronteriza do Sur de Ourense ten unha importante recorrencia de lumes forestais.

Por outra banda, o medio rural constitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sostible dun país. A súa supervivencia esixe unha loita global contra os incendios forestais, que constitúen unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia. Tendo en conta esta realidade, a política de defensa del medio rural contra os incendios debe comprometer a todas as administracións e axentes do territorio.

pei_ourense_mapa_concellos.png

Ámbito do plan

O ámbito de estudo recolle os límites municipais dos seguintes concellos: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña e A Mezquita.

Estes concellos teñen unha serie de particularidades, entre elas, ser unha área de ambiente  mediterráneo, ben comunicada pola autovía A-52 e a nova estación do AVE en A Gudiña, cun excelente calidade do viño da DOP Monterrei, plantacións de castiñeiros, e con potencial turístico a desenvolver en torno a recursos importantes como a Vía da Prata ou o Castelo de Monterrei. Todo isto permite facer un estudo dun xeito integral, coa xestión da paisaxe e o desenvolvemento turístico como eixos vertebradores, baixo o prisma da dinamización económica rural sostible e nun escenario futuro de cambio climático.

 

Obxecto

O obxecto fundamental do plan é aumentar a resiliencia fronte aos incendios forestais do interior da provincia de Ourense a través dunha planificación e xestión territorial integrada que poña o foco na xestión da paisaxe como mecanismo de prevención e que impulse ademais un desenvolvemento sostible do territorio, cos seguintes obxectivos: áreas cortalumes.

- Creación de comunidade de xestión e dinamización territorial.
- Mitigación do risco dos lumes a través de áreas cortalumes.

A xestión territorial sostible céntrase nos seguintes principios que actúan como punto de partida para elaborar o plan estratéxico:

- A recuperación, mantemento e promoción da actividade agrícola e gandeira sostible.
- O valor multifuncional do monte e a xestión forestal sostible como base de actuación fronte aos incendios forestais.
- A posta en valor de produtos agrogandeiros e forestais do territorio incluíndo os servizos ecosistémicos que proveen á sociedade.
- A conservación das áreas de maior valor ambiental en consonancia coas actividades produtivas.
- Posta en valor da paisaxe e os recursos turísticos e patrimoniais do territorio como motor de dinamización rural.

No proceso de elaboración do Plan participan 14 entidades: A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (Axencia de Turismo de Galicia), A Consellería do Medio Rural, A Deputación de Ourense, O Concello de Cualedro, O Concello de Monterrei, O Concello de Oímbra, O Concello de Verín, O Concello de Laza, O Concello de Castrelo do Val, O Concello de Vilardevós, O Concello de Riós, O Concello de A Gudiña, O Concello de A Mezquita e A Fundación Juana de Vega. O Plan que se elaborará baixo os obxetivos marcados pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para deseñar accións e proxectos que contribúan a xerar actividade económica capaz de fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor, incrementando de xeito paralelo a resiliencia fronte ao lume.

 

Actividades

1. Delimitación dos ámbitos territoriais do Plan e identificación dos axentes implicados no territorio.
2. Análise e diagnóstico territorial.
3. Análise da casuística dos incendios.
4. Catálogos de solos agropecuarios e forestais do ámbito do plan.
5. Planificación de áreas cortalumes.
6. Liñas ou eixos estratéxicos e programa de actuacións.


Proceso de participación

O deseño deste Plan contará cun intenso proceso de participación do plan cunha combinación de varios tipos de accións:

Entrevistas: a realización de entrevistas a axentes clave ou coñecedores das cuestións aportan unha información de calidade e a posibilidade de transmisión e difusión do proceso. A selección dos axentes entrevistados fundaméntase nas categorías do Mapa de Axentes Clave tentado acadar unha representación efectiva dos diversos tipos de perfís, tendo en conta as limitacións estruturais e temporais do proceso. Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2022 desenvolvéronse 78 entrevistas aos axentes do territorio dos sectores agrogandeiro, forestal, turístico- patrimonial, administracións locais e outros.

Talleres: os talleres de participación pública desenvolveranse en cada un dos concellos do ámbito cos axentes máis relevantes para a dinamización rural dos ámbitos do plan. Nestes talleres presentaranse os resultados da diagnose e as propostas recollidos nas entrevistas, e se traballará nunha matriz de impacto para valorar/priorizar as propostas. Por outra banda, e co apoio dun visor en SIX, localizaranse recursos nos distintos eixos do plan (agrogandeiro, forestal, turístico/patrimonial, asentamentos).
Os talleres por concellos desenvolveranse nos meses de abril e maio de 2022.

Mesas temáticas: as mesas temáticas de participación pública teñen como premisa básica a implicación de axentes, colectivos ou cidadanía interesada na temática. Son un punto de encontro no que os diversos
participantes colaboran na definición de obxectivos de cara ao futuro.

A composición dos talleres será determinada en función das grandes liñas de actuación do proxecto, establecéndose un calendario de eventos temáticos centrados nos:

- Mesa temática de turismo, patrimonio e viñedo. 7 de abril de 2022. Casa da Cultura de Verín, Rúa Irmáns La Salle, s/n. 32600.
- Mesa temática de cooperación territorial con Portugal. 20 de maio de 2022 no Castelo de Monterrei s/n. 32618 Monterrei.
- Mesa temática agrogandeira. 25 de maio de 2022 ás 10:00h na Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.  
- Mesa temática forestal. 25 de maio de 2022 ás 12:30h na Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.
- Mesa temática núcleos rurais.


Máis información no teléfono 981 654637 ou no enderezo planintegralOU@juanadevega.org