Novas

28.10.2017
A Conselleira de Medio Rural entrega a dez concellos un total de 211 parcelas do Banco de Terras
Entrega de parcelas a dez concellos
Este paso pode levarse a cabo grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga), que facilita que estes terreos pasen a ser de titularidade municipal dun xeito máis sinxelo e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras.

A titular de Medio Rural formalizou hoxe a transferencia a dez concellos de 211 parcelas que ata o de agora pertencían ao organismo dependente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) co fin de facelo máis áxil e operativo. Deste xeito, cúmprese co anuncio feito esta primavera de analizar uns 2.700 terreos que, en principio, non tiñan utilidade agraria, pero que si poden servir aos veciños dos distintos municipios.

Ángeles Vázquez explicou que ao longo dos últimos meses levouse a cabo un proceso no que se analizou cada predio en particular tanto a nivel administrativo como sobre o terreo para coñecer cada situación concreta. Tras esta avaliación, determinouse que había máis de dous centenares de parcelas que podían ser transferidas aos concellos para o seu uso social ou veciñal.

Este paso pode levarse a cabo grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga), que facilita que estes terreos pasen a ser de titularidade municipal dun xeito máis sinxelo e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras. O proceso, que comezou hai uns meses co traspaso de 64 predios en Vedra por ser unha das localidades que máis parcelas tiña no Banco de Terras, concluíu con esta cesión aos seguintes concellos:

Responsables municipais de todos estes municipios acudiron hoxe á sede de Agader para formalizar esta transferencia de terreos, que a partir de agora poderán utilizar para distintos usos municipais. Tamén asistiu á sinatura o director de Agader, Miguel Pérez Dubois, xa que é o organismo ao que pertence o Banco de Terras e dende o que se están levando a cabo as novas ferramentas da Consellería para favorecer a mobilidade agraria.

Así mesmo, a conselleira do Medio Rural indicou durante o acto que esta é unha primeira quenda que se completará con novas entregas de predios noutros concellos de Galicia, proximamente.