Novas

23.07.2021
Feijóo constata a gran demanda de terra que existe en Galicia con preto de 1.000 solicitudes para recuperar unhas 21.400 hectáreas xeorreferenciadas ao abeiro da manifestación de interese de proxectos do sector primario
Feijóo constata a gran demanda de terra que existe en Galicia
Afirma que esta terra se mobilizará a través dos instrumentos incluídos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Subliña que un dos proxectos tractores opta a mobilizar 18.000 hectáreas de terra abandonada para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais xunta á posta en marcha de 200 aldeas modelo.

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe a gran demanda de terra que existe en Galicia con preto de 1.000 solicitudes para recuperar unhas 21.400 hectáreas xeolocalizadas ao abeiro da Manifestación de interese de proxectos do sector primario e agroalimentario galego.

Feijóo precisou que estas 21.322 hectáreas que puideron ser xeorreferenciadas a nivel de concello permiten relacionalas coas superficies de terras en estado de abandono ou infrautilización e coas zonas preferencias de actuación que se planificarán ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

“É dicir, dispoñemos dunha valiosa información sobre a localización de terra abandonada e da demanda de terra, as características da terra abandonada e da terra solicitada, así como a orientación produtiva de toda esa terra en función das solicitudes recibidas. Polo tanto, podemos mobilizala a través dos instrumentos da devandita lei, como son as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta”, explicou, recordando que a convocatoria de Manifestación de interese é unha iniciativa non vinculante que permite identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Xunta no marco da candidatura galega aos fondos europeos NextGeneration.

Cómpre salientar que un destes proxectos tractores leva asociada a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra abandonada para os tres usos -agrícola, gandeiro e forestal-, así como a posta en marcha de 200 aldeas modelo. O titular do Goberno galego asegurou que a Xunta seguirá traballando para aumentar a oferta de terra ante a inxente necesidade de parcelas.

A maiores destes proxectos, Feijóo destacou que as cinco denominacións de orixe de viño solicitaron, á marxe da Manifestación de interese, máis de 10.000 hectáreas para desenvolver polígonos agroforestais destinados a viñedo, tamén no marco da Lei de recuperación. “Isto acredita a gran capacidade de nosa produción de viño, a súa calidade e o incremento das exportacións do noso sector viticultor”, remarcou.

O Presidente da Xunta finalizou asegurando que a folla de ruta do goberno autonómico pasa por casar oferta e demanda de terra co fin de revitalizar o medio rural de Galicia.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural especificou que máis de 13.200 hectáreas das solicitadas para mobilizar teñen orientación produtiva gandeira, das cales o 94% se corresponde con ganderías bovinas, mostra do peso deste sector na nosa comunidade. Tamén houbo peticións de ovino e porcino para levar a cabo gandaría en extensivo que contribuirá de xeito decidido -recalcou- á anticipación aos incendios forestais.

Así mesmo, José González apuntou que máis de 1.900 ha son para orientación produtiva agrícola, o 40,8% delas para viñedo, pero tamén para a plantación de cereais, pataca, froiteiras, hortalizas ou cultivos forraxeiros. Outras 1.400 hectáreas -dixo- son para produción forestal, fundamentalmente coníferas e frondosas caducifolias, na liña que marca o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 de diversificación do noso monte. Por último, destacou que máis de 4.700 hectáreas foron solicitadas para terras mixtas, é dicir, produción agrícola, gandeira ou forestal, o que cualificou como unha mostra clara de que poden convivir os tres usos no territorio galego.