Novas

11.12.2020
José González aposta polo rural como motor para o futuro de Galicia na entrega da undécima edición dos premios Agader
Acto de entrega da XI Edición dos Premios Agader
O conselleiro agradeceu o labor dos galardoados, pola súa contribución para crear un rural máis vivo e para impulsar a economía local. Para seguir nese camiño, fixo fincapé en que proximamente entrará no Parlamento a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, acudiu esta mañá á entrega da undécima edición dos Premios Agader a un total de oito proxectos que conseguiron dinamizar e consolidar o noso rural. Así o destacou José González, sinalando que iniciativas como as galardoadas permitirán que o medio rural sexa o motor para o futuro de Galicia.

O conselleiro salientou que cada un dos oito proxectos premiados recibirá 10.000 euros, por contribuír a crear un rural máis vivo e a impulsar a economía local. Eses cartos deberán investilos na propia iniciativa gañadora, co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar accións complementarias.

 

Categoría Mocidade

En concreto, na categoría de mocidade, a premiada foi a sociedade limitada Fontes de Mané, polo seu campamento turístico Cabanas da Ulla e a súa combinación de servizo de aloxamento con actividade forestal no concello coruñés de Touro.

 

Categoría Proxectos Culturais e de Recuperación Patrimonial no Medio Rural

Canto aos proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural, resultou distinguida a iniciativa de recuperación do patrimonio material e inmaterial da aldea de Puxedo, a cargo da asociación de veciños desta aldea do municipio ourensán de Lobios, en pleno Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.

 

Categoría Proxectos de Interese Social

No apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibiu o premio o centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual Aspadeza, situado no concello pontevedrés de Lalín.

 

Categoría Turismo

No que respecta á categoría de turismo, o galardón recaeu no proxecto “Enoturismo María Manuela SL”, un complexo de seis cabanas no municipio coruñés de Touro que contribúen a promocionar tanto os produtos locais como distintas actividades que dinamizan a zona.

 

Categoría Sector Agrogandeiro

No sector agrogandeiro, o gañador foi Bico de xeado, a cargo da cooperativa agraria provincial da Coruña, por apostar pola transformación do leite nun produto de valor engadido.

 

Categoría Mulleres

En canto ás iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio correspondeu á Asociación Educando en Familia, que actúa na provincia de Lugo, polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos de entre cero e seis anos.

 

Categoría Innovación Tecnolóxica

No eido da innovación tecnolóxica, o premio foi para o grupo tecnolóxico Arbinova, emprazado no concello pontevedrés de Salvaterra do Miño, pola súa peme Beta Implants, que deseña e fabrica implantes e próteses para o sector veterinario.

 

Categoría Loita contra o abandono e en prol da Mobilidade de Terras Agrarias

E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, a gañadora foi a iniciativa de recuperación dos montes comunais na parroquia de Lucenza, a cargo da asociación de veciños deste lugar, na localidade ourensá de Cualedro.

 

Precisamente con respecto á mobilización de terras, o conselleiro do Medio Rural resaltou que proximamente entrará no Parlamento a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia que, segundo recalcou, “é froito do traballo de moita xente”. José González sinalou que esta norma buscará dar “solucións innovadoras para poñer en valor unha terra extraordinaria que temos e que en moitas partes do territorio está abandonada ou non utilizada”, mediante figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais -entre os que se inclúen os polígonos cortalumes- e as agrupacións de xestión conxunta.