Novas

21.11.2018
Medio Rural acorda coa Fegamp os criterios de reparto do Plan marco de mellora de camiños municipais para o ano 2019
Medio Rural acorda coa Fegamp os criterios de reparto do Plan marco de mellora de camiños municipais para o ano 2019
O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo esta mañá unha reunión de traballo para definir esta distribución entre os 313 concellos de Galicia. O obxecto destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos viarios de titularidade municipal. As bases desta nova convocatoria serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e os concellos terán un mes para presentar as súas solicitudes.

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente e membros da executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) onde acordaron os novos criterios da convocatoria para 2019 do Plan marco de mellora de camiños municipais. Nesta xuntanza tamén estiveron a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e técnicos de Agader.

Na reunión tratáronse as condicións de reparto do orzamento para os 313 concellos de Galicia, que será dun total de 16 millóns a executar no bienio 2019 e 2020. Estes criterios determínanse en base a indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos co fin de garantir un reparto equitativo entre a totalidade de concellos. A estas variables incorpóranse factores correctores vinculados á superficie do concello, o peso do agro no municipio, grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O obxecto destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Quedan excluídas, en cambio, as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación. As bases desta nova convocatoria serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e os concellos terán un mes para presentar as súas solicitudes.