Novas

02.11.2018
Medio Rural avanza na recuperación e mobilización de soutos tradicionais no Courel para impulsar a produción de castaña
O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe Folgoso do Courel para supervisar e impulsar unha iniciativa de recuperación e mobilización de soutos tradicionais neste concello lugués e na que a consellería vai investir preto de 490.000 euros
O conselleiro José González coñeceu sobre o terreo unha das zonas de actuación para a recuperación de terreos, que involucra uns 100 titulares e abrangue unha superficie de 80 hectáreas, con máis de 9.500 castiñeiros. Ademais, interesouse pola situación da colleita desta campaña nesta área da montaña lucense.

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe Folgoso do Courel para supervisar e impulsar unha iniciativa de recuperación e mobilización de soutos tradicionais neste concello lugués e na que a consellería vai investir preto de 490.000 euros. No percorrido tamén participou a alcaldesa, Dolores Castro, e o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

Esta actuación permitirá poñer en valor soutos tradicionais en Moreda e no propio Folgoso, mediante a súa limpeza e recuperación para a produción sostible. A iniciativa involucra uns 100 titulares e abrangue unha superficie de 80 hectáreas, con máis de 9.500 castiñeiros. Os traballos, que comezaron coa identificación de árbores e propietarios, están xa na súa segunda fase, que pasa pola mellora dos viarios de acceso e o rozado das terras. Está previsto que no 2019 entre na súa última etapa, coa poda das árbores e a mellora sanitaria das mesmas.

Esta iniciativa forma parte das políticas da Xunta para mobilizar terras en desuso, que suporán en conxunto un investimento total de 2,7 millóns de euros. Na actualidade estase traballando en oito iniciativas –incluíndo esta do Courel– en diferentes localizacións e sectores produtivos. Así, actúase na posta en valor de terras abandonadas para prados en Sober, na recuperación de pasteiros nos Ancares, de zonas de reestruturación parcelaria afectadas por incendios en Cualedro e Oímbra, de áreas para produción de pemento e horta en Arnoia, prados en Val de Lemos e outras actuacións semellantes en Sarria e Ferrol.

O obxectivo é recuperar cultivos en áreas en desuso para poñelos en valor mediante o seu arrendamento pactado, que permite un arrendo rápido e con condicións de prezo e prazo conformes cos intereses das dúas partes. Este sistema, impulsado a través de Agader e do Banco de Terras, ten un carácter pioneiro e xa espertou interese en diferentes ámbitos relacionados coa mobilidade de predios tanto dentro como fóra de España.

 

Produción

O conselleiro aproveitou a súa visita ao Courel para coñecer sobre o terreo a situación con respecto á produción de castaña nesta área da montaña luguesa, onde constatou os problemas causados pola seca nos últimos tempos, así como pola avespiña do castiñeiro e as nevaradas de días pasados. En todo caso, advertiu que a campaña de recollida vén con retraso este ano, polo que aínda é prematuro facer un balance e haberá que agardar a ver como evoluciona a situación nas vindeiras semanas.

En relación coa avespiña, Medio Rural está desenvolvendo un intenso labor de loita integrada e control, incrementando o combate biolóxico. Así, no 2019 prevese duplicar as soltas do parasito Torymus sinensis, acadando a cifra de 1,6 millóns de exemplares. O Torymus parasita as postas do insecto e diminúe a súa expansión. José González sinalou que na solta do parasito inténtase sempre contar cos propietarios dos soutos para poder chegar ás zonas máis afectadas e anunciou que o seu departamento incrementará as charlas para que a xente teña un maior coñecemento da situación.