Novas

01.10.2018
O conselleiro de Medio Rural salienta a importancia da mobilización de terras agrarias na dinamización do rural e a loita contra os incendios
O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe a importancia dos proxectos de mobilización de terras agrarias impulsados pola Xunta en diferentes puntos de Galicia
O conselleiro do Medio Rural presentou na localidade luguesa de Sober un proxecto que permitirá poñer en valor 21 hectáreas para pasteiros. Indicou que se van investir 2,7 millóns nestas iniciativas en toda Galicia.

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe a importancia dos proxectos de mobilización de terras agrarias impulsados pola Xunta en diferentes puntos de Galicia como factores de “dinamización social e económica do noso agro” e tamén pola súa decisiva contribución á prevención e loita contra os incendios forestais.

O titular de Medio Rural, acompañado polo director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, presentou en Sober unha destas iniciativas, que perseguen, dixo, “loitar contra o abandono e, consecuentemente, fixar poboación no rural, que é un dos grandes obxectivos do Goberno galego”.

O conselleiro explicou que nesta localidade do sur de Lugo vanse poñer en valor 21 hectáreas de terreo para o seu aproveitamento como pasteiros. Son, en total, 135 parcelas que pertencen a 86 propietarios, polo que sinalou que “estamos diante dunha iniciativa de calado para este concello”.

José González enmarcou esta actuación nos diferentes proxectos de mobilidade de terras que impulsa Medio Rural, para a recuperación e posta en uso de terras abandonadas. Unha liña de traballo na que, indicou, “imos investir 2,7 millóns de euros en toda Galicia”.

 

Iniciativas

O responsable da consellería lembrou que –ademais deste de Sober– xa están en marcha iniciativas no Courel, Ancares e Val de Lemos, na provincia de Lugo, así como en Cualedro, Oímbra e Arnoia, na de Ourense. En fase de proxecto ou previstos hai outros proxectos en Vilalba, Quiroga, O Barco de Valdeorras, o Baixo Miño ou A Cañiza, que atinxen “dende as oliveiras ata a horta e flor, pasando polos castiñeiros ou os cereais”, remarcou.

Neste tipo de actuacións, aclarou o conselleiro, “o Banco de Terras actúa como instrumento de identificación de áreas de gran aptitude agraria e elevado grao de abandono, de elemento para a concentración da oferta a través da dinamización das persoas titulares dos terreos e de posta en contacto e arbitraxe entre titulares e axentes, tales como cooperativas ou empresas agrarias, interesados en promover proxectos produtivos agrarios de gran envergadura”.