Novas

05.11.2021
Os orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para 2022 increméntanse nun 16% e chegan aos 47,2 millóns de euros
Os orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para 2022 increméntanse nun 16% e chegan aos 47,2 millóns de euros
A directora xeral, Inés Santé, debullou esta tarde no Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro ano. A axencia centra os seus orzamentos en tres grandes bloques: 7,4 millóns para a recuperación de terras, outros 21,6 millóns para planificación e dinamización do territorio rural e 18,2 millóns para o programa Leader. O vindeiro ano poñerase en marcha o primeiro espazo agrario de experimentación na aldea modelo de Muimenta (Carballeda de Avia), para que persoas mozas ou emprendedoras poidan recibir formación e probar o seu modelo de negocio. Poñeranse en marcha dúas novas liñas de axuda para levar a cabo inversións na creación, mellora e ampliación dos servizos básicos por parte da Administración local e o desenvolvemento de actividades non agrícolas no rural. Tamén se aumenta a partida orzamentaria nun 34 % para o Programa Leader, ata chegar aos 18,2 millóns de euros, sendo a maior parte para impulsar proxectos produtivos e non produtivos (de carácter social). Reforzarase a estrutura da Axencia cunha nova subdirección destinada á xestión de proxectos europeos e á captación de Fondos Next Generation

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presentou esta tarde na Comisión 3ª do Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro ano 2022. Alí, Inés Santé destacou o incremento dun 16 % do orzamento da axencia ata chegar aos 47,2 millóns de euros para promover o desenvolvemento rural de Galicia.

Así, a directora xeral debullou polo miúdo os tres grandes eixos que centran os orzamentos desta axencia, que pasan pola recuperación de terras, con 7,4 millóns de euros; a planificación e dinamización do territorio rural, con 21,6 millóns de euros, e o programa Leader, con 18,2 millóns de euros.

 

Recuperación de terras

Neste senso, Inés Santé explicou que, por primeira vez, financiaranse instrumentos de mobilización e recuperación de terras con fondos Feader. Así, no 2022 destinaranse 5,33 millóns de euros á elaboración de proxectos e realización de obras de polígonos agroforestais e aldeas modelo, dous dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que avogan pola mobilización de terras infrautilizadas. Ademais, tamén hai que sumar a este orzamento outros 1,5 millóns de euros para o funcionamento do Banco de Terras e outros 610.000 euros para o desenvolvemento de ferramentas informáticas para a xestión dos instrumentos e procedementos de recuperación.

En concreto, a directora xeral sinalou que actualmente en Galicia hai tres aldeas modelo en funcionamento -nos concellos de Cenlle, O Inicio e Pobra do Brollón- destinadas a gandaría en extensivo con razas autóctonas, sendo en total 14 as aldeas modelo declaradas. No tocante aos polígonos agroforestais, que son a ferramenta de referencia da lei para a mobilización e posta en produción dunha maior superficie de terra, a directora xeral informou que na actualidade están aprobadas as actuacións previas dunha decena de polígonos de iniciativa pública que suman case 1.000 hectáreas, ás que habería que sumar as máis de 5.000 ha nas que a propia Axencia está a traballar na ordenación dos usos do solo mediante un catálogo parcial para o posterior desenvolvemento de polígonos.

Ademais, anunciou que no vindeiro ano poñerase en marcha o primeiro espazo agrario de experimentación nunha destas aldeas, en Muimenta (Carballeda de Avia). Esta é unha nova posibilidade incorporada na Lei de recuperación a través dunha emenda, apuntou a directora, que permite destinar as terras da aldea para á formación e experimentación de actividades agrarias, no que as persoas mozas ou emprendedoras poidan recibir formación e probar o seu modelo de negocio nunha contorna favorable que fomente a innovación e facilite a súa incorporación progresiva ao sector. Así mesmo, sinalou que na parte urbana da aldea poderase tamén levar a cabo a revitalización económica e demográfica da aldea a través do Plan de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo, un mecanismo de cooperación entre o concello e a Xunta.

 

Planificación e dinamización do medio rural

Con respecto ao eixe de planificación e dinamización do medio rural, a directora xeral avanzou que no ano 2022 poranse en marcha dúas novas liñas de axuda. Por unha banda, destinarase algo máis dun millón de euros para levar a cabo inversións na creación, mellora e ampliación dos servizos básicos por parte da Administración local, co fin de mellorar a calidade de vida e o entorno dos núcleos rurais ligados aos instrumentos de recuperación da terra agraria. A segunda liña inclúe tres millóns de euros para a creación e o desenvolvemento de actividades non agrícolas, co fin de reforzar o tecido empresarial no ámbito rural.

Dentro deste eixe, Inés Santé tamén destacou os 980.000 euros que se destinarán desenvolver o mapa de usos agroforestais de Galicia e outros 600.000 euros á ordenación de usos e plans integrais de xestión de terras. Neste senso, Inés Santé explicou que ao longo de 2022 traballarase para concretar as zonas prioritarias para desenvolver polígonos agroforestais, centrándose nos 71 concellos que conten con explotacións agropecuarias que demandaran terras na Manifestación de interese a unha distancia na que existen masas de concentración ou reestruturación parcelaria con abandono. Tamén se continuará coa definición das áreas cortalume, dentro das cales se buscará a delimitación de polígonos cortalume que reduzan a probabilidade de expansión e a superficie afectada por incendios recorrentes na zona.

Así mesmo, continuarase coa actual convocatoria do Plan marco de mellora dos camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas, dotado con case 11 millóns de euros para 2022.

 

Programa Leader

No terceiro eixe, Inés Santé explicou tamén se aumenta a partida orzamentaria nun 34 % para o Programa Leader, ata chegar aos 18,2 millóns de euros. Deste orzamento, destínanse 12,86 millóns de euros a apoiar -a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia- proxectos produtivos como non produtivos (é dicir, de tipo social) para contribuír ao desenvolvemento rural. Outros 3,7 millóns de euros serán para garantir o funcionamento destes grupos ata o ano 2023, sendo precisamente unha das primeiras comunidades autónomas en garantir dita continuidade, explicou Santé.

Así mesmo, a directora xeral indicou que preto de 900.000 euros irán destinados a reactivar a liña de axudas para o desenvolvemento de actuacións preparatorias para a elaboración das futuras estratexias de desenvolvemento local no período 2023-2027. Neste senso, Santé explicou que os GDRs deberán desenvolver estratexias afíns ás novas políticas europeas como son o Pacto Verde, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Estratexia de Biodiversidade para 2030 ou a Estratexia Forestal da UE e, para iso, contarán co triple de orzamento que tiveron no ano 2016. Ademais, sinalou, estas estratexias deberán aproveitar a potencialidade dos instrumentos e procedementos regulados na Lei de recuperación de terras para impulsar a actividade económica ligada ao sector agrario, así como a mellora da calidade de vida da poboación rural.

Por último, algo máis de 700.000 euros destinaranse ás axudas a proxectos de cooperación entre os grupos de desenvolvemento rural galegos, os nacionais ou incluso os internacionais, co fin de buscar solucións conxuntas a problemas comúns e, ao mesmo tempo, favorecer a transferencia de coñecementos entre rexións.

Para rematar a súa intervención, a directora xeral avanzou que se reforzará a estrutura da Axencia cunha nova subdirección destinada á xestión de proxectos europeos e á captación de Fondos Next Generation. Será a responsable de impulsar o proxecto tractor para a Recuperación integral e sostible do rural galego, que propón a posta en produción de 18.000 ha de terra para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, a través da execución de 100 polígonos agroforestais e actuacións de xestión conxunta e 200 aldeas modelo.