Novas

11.10.2018
Proxecto de recuperación de soutos tradicionais na serra do Courel
Este proxecto está encadrado dentro dos Proxectos de Mobilización de Grandes Áreas, promovidos por Agader a través do Banco de Terras de Galicia.

 

 

 

O pasado día 10 de setembro presentouse o  proxecto de recuperación de soutos tradicionais na serra do Courel, encadrado dentro dos Proxectos de Mobilización de Grandes Áreas, promovidos por Agader a través do Banco de Terras de Galicia.

Este proxecto ten coma obxectivo a posta en valor de dous soutos pertencentes ao concello do Folgoso do Courel, nos lugares de Folgoso e Moreda, mediante a súa limpeza e recuperación para a produción sostible. As actuacións abranguerán unha superficie total de 80 ha, con arredor de 9.500 castiñeiros e máis de 100 propietarios.

A primeira fase do proxecto, xa concluída, consistiu na identificación individual dos 9.500 castiñeiros, a súa xeolocalización GPS, as necesidades de poda e o estado sanitario. Con toda esa información elaboráronse fichas individuais por árbore que foron entregadas ás persoas titulares, unha vez que estas asinaron o seu compromiso de integración voluntaria no proxecto. Adicionalmente levouse a cabo o levantamento topográfico da rede de camiños de acceso interior aos soutos. O conxunto de actuacións desta primeira fase supera lixeiramente os 100.000 euros.

A segunda fase, que se presentou o pasado día 10 de setembro e que deu xa comezo, supón a execución das obras de mellora dos camiños devanditos e a roza, limpeza e retirada de restos vexetais dos soutos, operación indispensable para o seu saneo. Esta segunda fase supón un investimento de algo máis de 135.000 euros e estará rematada antes do fin de 2018.

Finalmente abordarase unha terceira fase ao longo de 2019 consistente na poda e na mellora sanitaria dos castiñeiros, ao tempo que se pon en marcha a xestión sostible dos soutos, propiciada a través do convenio de colaboración que se vai asinar entre Agader, o concello de Folgoso e as persoas titulares dos castiñeiros.

Con este proxecto preténdese, entre outros obxectivos, promover a loita contra o abandono e a prol da mobilidade de terras agraria que forma parte fundamental das medidas impulsadas pola Xunta de Galicia ao tempo que se preservan os valores paisaxísticos e patrimoniais da serra do Courel.