Novas

21.10.2021
A Xunta acomete a mellora de pistas municipais nas parroquias de Ribadumia, Sisán e Leiro cun investimento de 40.000€
Supervisión actuacións de acondicionamiento en Ribadunia (Sisán e Leiro)
O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, David Castro, supervisa as actuacións de acondicionamento e reposición do firme en sete vías realizadas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais 2021. O Concello de Ribadumia recibíu máis de 365.000€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para o acondicionamento de vías en máis de 15 núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vén de rematar a execución das obras pertencentes ao Plan de Infraestruturas Rurais 2021 nas parroquias de Ribadumia, Sisán e Leiro, no Concello de Ribadumia, que supuxeron un investimento de 40.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Ribadumia, David Castro, realizou unha visita de supervisión dos traballos realizados en ata sete puntos distintos destas tres parroquias e que incluiron o acondicionamento xeral, a corrección de zonas deterioradas e a reposición do firme.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Ribadumia, cun forte peso no sector da vide e da horta, son fundamentais para a súa economía”, explicou o representante autonómico, que salientou que a Xunta incrementou este ano o Plan Marco para este concello en máis dun 12%.
Deste xeito, o Concello de Ribadumia ten recibido, ao longo do último lustro, máis de 365.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais vencelladas a zonas con peso agrogandeiro a través do citado Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) e do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.
Con estas achegas, favoreceuse a modernización viaria de ata unha quincena de núcleos rurais entre os que figuran os de Puxafeita, Lavadoiro do Ramo, Coutos, Outeiral, Cruceiro Vello, Outeiro, Leromeán, Regueira, Costa ou Amieira, entre outros.