Novas

17.04.2021
A Xunta acondiciona seis quilómetros de camiños en Begonte cun investimento de case 165.000 euros
A Xunta acondiciona seis quilómetros de camiños en Begonte cun investimento de case 165.000 euros
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as obras executadas na pista ao núcleo de Gaibor. Explicou que a Xunta destina preto de 7,4 millóns de euros á mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas da provincia a través do Plan Marco e o Plan de Infraestruturas Rurais

A Consellería do Medio Rural desenvolve en Begonte tres proxectos para o acondicionamento de seis quilómetros de camiños cun investimento de 164.400 euros, segundo explicou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, durante unha visita ao municipio na que estivo acompañado polo alcalde, José Ulla, entre outros.

Arias comprobou o estado das obras que se executan na parroquia de Gaibor, xa practicamente rematadas, e sinalou que en breve se reformará o camiño en Saamil e se levará a cabo o arranxo do da Hedreira.

En todos os casos son pistas moi utilizadas para as conexións locais e dan servizo a numerosas parcelas agrícolas e instalacións agrogandeiras, polo que o seu estado incide directamente nas condicións de mobilidade e de traballo para os veciños e veciñas.

No camiño de Gaibor arranxáronse 1,8 quilómetros que inclúen a traza principal, entre a zona do campo da feira ata a intersección coa LU-541. Destináronse a esta obra 48.000 euros do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), procedendo á limpeza de cunetas e ao acondicionamento do firme, con mestura bituminosa en quente.

Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza desta zona por ser a saída máis rápida e segura para os veciños de Gaibor cara a estrada LU- 541 e á localidade de Vilalba, ademais de por dar servizo a dez explotacións gandeiras de dita parroquia. A importancia desta obra para este núcleo rural radica na mellora substancial da seguridade da circulación para os vehículos agrícolas. Os veciños de Gaibor impulsaron e amosaron total colaboración no proxecto, que vén a engadirse ás melloras que a asociación veciñal realizou no local social, nos xardíns e o aparcamento do entorno, e nos antigos cobertizos do campo da feira.

Ao abeiro do plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas (na convocatoria de 2020-2021), a Xunta destina 54.300 euros á vía que discorre polo núcleo de Bóveda, pasa por Saamil e chega ata Os Grandíos, cunha lonxitude de preto de 2 quilómetros. A actuación, que se executará en breve, consistirá na extensión dunha capa de firme de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor.

Unha intervención similar realizarase na pista que continúa dende Os Grandíos ata Santa Marta, pasando por A Vila e A Hedreira (2,2 quilómetros), nesta ocasión mediante unha achega de 62.100 euros do Plan Marco 2021-2022.

 

Datos globais

Javier Arias lembrou que o PIR e o Plan Marco actualmente en vigor suman un investimento de 7.442.700 euros na provincia de Lugo. Polo que respecta ao segundo, participan todos os concellos da provincia; estase rematando co proceso de execución e xustificación das obras comprometidas na edición 2020-2021 e iniciando as novas contratacións. En canto ao PIR, contempla doce actuacións que benefician a 15 municipios lucenses, todas elas xa contratadas e varias delas xa en execución.