Novas

30.11.2021
A Xunta actúa de xeito transversal e integral na posta en valor da terra agraria e na fixación de poboación no rural para afrontar o reto demográfico
A Xunta actúa de xeito transversal e integral na posta en valor da terra agraria e na fixación de poboación no rural para afrontar o reto demográfico
A conselleira de Política Social e o conselleiro do Medio Rural visitaron a aldea modelo de Infesta, dúas casas niño e unha casa do maior no municipio de Monterrei. Ambos conselleiros lamentaron a ausencia do secretario general para el Reto Demográfico a un acto que estaba deseñado para mostrarlle os pasos dados polo Goberno galego co gallo de fixar poboación no rural e para apelar á colaboración interadministrativa. Fabiola García sinalou que mentres a Xunta pon en marcha todas estas medidas, o Goberno central non aporta “nin un só euro” a facer fronte ao reto demográfico. José González solicitou ao Estado altura de miras ante o Proxecto de recuperación integral e sostible do rural galego, presentado pola Xunta aos fondos Next Generation co que se trata de poñer en valor ata 18.000 hectáreas de terra abandonada en Galicia e 200 aldeas modelo a través dos instrumentos da Lei de recuperación

A Xunta desenvolve unha actuación transversal e integral para fixar poboación no rural e afrontar -dende todos os departamentos implicados- o reto demográfico. Así o destacaron hoxe a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o titular de Medio Rural, José González, que visitaron a aldea modelo de Infesta, no concello de Monterrei, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e da directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López. Este núcleo de poboación púxose en valor consonte a unha das ferramentas de mobilización amparadas pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, a das aldeas modelo.

En Infesta, ambos conselleiros lamentaron a ausencia do secretario general para el Reto Demográfico, Francesc Boya, a un acto que estaba especificamente deseñado para el, concretamente para mostrarlle os pasos dados pola Xunta co obxectivo de fixar poboación no rural. Neste sentido, a conselleira de Política Social sinalou que o mellor xeito de coñecer as necesidades do rural é sobre o terreo, achegándose as súas aldeas e conversando cos seus veciños. Lembrou que as dúas casas niño e casas do maior que hoxe visitan os conselleiros son unha mostra de recurso de conciliación que serve para fixar poboación e para dinamizar as zonas do rural menos poboadas. Ademais de permitir que as familias compatibilicen a súa vida laboral e persoal, permiten que as persoas maiores e os máis pequenos da casa reciban coidados e atención profesionais e adaptados ás súas necesidades.

Fabiola García resaltou que o Goberno galego está poñendo en marcha medidas destinadas a paliar o desequilibrio territorial e o reto demográfico mentres que a política do Goberno central “é fume”. “Ao tempo que o Goberno galego está poñendo en marcha aldeas modelo, casas niño ou casas do maior, o Goberno central non aporta nin un só euro a facer fronte ao reto demográfico en Galicia”, apuntou. Por iso, reivindicou unha vez máis unha maior implicación por parte do Executivo central para seguir apostando polas zonas menos poboadas do rural galego.

Pola súa banda, o Goberno galego segue blindando as políticas públicas para atender ao despoboamento e por iso neste ano Galicia converteuse na primeira Comunidade en aprobar unha Lei de impulso demográfico a nivel nacional. Unha normativa que recolle medidas transversais para atender a este reto como a Estratexia retorna, para fomentar o retorno dos galegos na diáspora, axudas para o apoio á xuventude e, por suposto, beneficios para as familias.

A conselleira sinalou que lle gustaría ter contado coa presenza do secretario general para el Reto Demográfico porque o concello de Monterrei reúne moitas das medidas impulsadas desde Galicia neste eido e porque tamén representa un escenario perfecto para coñecer as súas características.

 

Recuperación do rural

Apelando á coordinación interadministrativa neste cometido, José González recalcou que a Xunta está a impulsar o Proxecto de recuperación integral e sostible do rural galego, co que se opta aos fondos Next Generation cunha contía que ascende aos 601 millóns de euros. Mediante este proxecto tractor, do que solicitou altura de miras ao Estado, trátase de poñer en valor un importante volume de terra hoxe abandonada en Galicia, ata 18.000 hectáreas, a través dos instrumentos da Lei de recuperación. Esta iniciativa -recordou- contempla tamén un forte impulso das aldeas modelo, ata un número de 200, como mecanismo de recuperación da poboación e para afrontar o reto demográfico. Trataríase, trasladou, de “aldeas modelo, que serán tamén, no futuro, intelixentes e sostibles”.

O titular de Medio Rural engadiu que con esta iniciativa preténdese ademais poñer en valor unhas 2.000 edificacións nas diferentes aldeas modelo, o que permitirá -salientou- “recuperar poboación no rural ligada á actividade agrogandeira e forestal sustentable dende o punto de vista económico, social e medioambiental”. Así, sinalou tamén, este proxecto contribuirá “a transformar o territorio rural galego”, polo que considerou que “é merecedor dos fondos Next Generation, que entendemos -e lle temos que trasladar ao Goberno central- que son recursos da UE para transformar a nosa economía e por iso apostamos con forza por el”, remarcou.

En termos semellantes, José González afirmou que esta iniciativa das aldeas modelo encaixa, ademais, coa das Smart Villages da Unión Europea. Trátase, explicou, de fomentar aldeas intelixentes, que sexan sustentables tanto desde o punto de vista ambiental como tecnolóxico e de habitabilidade. Neste sentido puxo en valor que este ano xa se comezou a traballar, con carácter piloto, na elaboración do Plan de dinamización das aldeas modelo de Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás) e Osmo (Cenlle) e ao longo de 2022 porase en marcha o seu desenvolvemento.

Precisamente, as aldeas modelo buscan recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable arredor dos núcleos de poboación, creando actividade agrogandeira e anticipándose aos incendios forestais. Esta aldea en particular -a de Infesta-, sinalou González, sairá este ano a concorrencia competitiva para poñer en valor unha superficie de case 37 hectáreas, propiedade duns 230 particulares e distribuídas en 930 parcelas. Neste caso, engadiu, as principais orientacións produtivas serán os cultivos de horta ou forraxeiros e tamén de vide, para reforzar a produción na denominación de orixe vitivinícola de Monterrei.

Ademais, o titular de Medio Rural destacou que Infesta é unha das 14 aldeas modelo xa aprobadas en toda Galicia, que constitúen un exemplo de como as novas ferramentas creadas coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia axudan a facer fronte ao reto demográfico. Nesta mesma liña, González indicou que esta aldea e as demais xa aprobadas son “o inicio dunha longa lista das que virán máis adiante”. Así, lembrou que Galicia dispón xa, aproximadamente, de medio cento de aldeas en diferentes fases de tramitación, por todo o seu territorio.

Noutra orde cousas, o conselleiro sinalou tamén que a Xunta traballa en colaboración coa Deputación de Ourense no plan de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental desta provincia e que parte desta iniciativa desenvolverase, precisamente, ao amparo da Lei de recuperación, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor. Neste contexto, indicou que se porán en marcha varios instrumentos de mobilización previstos nesta norma, procurando reducir o impacto paisaxístico e fomentar un desenvolvemento sustentable do territorio. No caso concreto da comarca de Monterrei, avanzou que os catro núcleos proxectados nesta comarca suporán a posta en valor de 206 hectáreas en 2.466 parcelas de case 700 propietarios.

O conselleiro enmarcou esta iniciativa na cooperación institucional entre a Xunta, a Deputación ourensá e os 11 concellos da comarca e insistiu en avogar porque esta colaboración “se produza tamén co Goberno Central, malia que nesta ocasión temos que lamentar a ausencia do secretario general para el Reto Demográfico”. Así, explicou que Francesc Boya non puido acudir a esta cita “por motivos de axenda, malia que onte estivo todo o día en Galicia, pero non foi quen de atender este proxecto esencial para o rural galego”.