Novas

31.10.2021
A Xunta anima aos veciños e propietarios da Gudiña a implementar a aldea modelo do Seixo para poñer en valor preto de 36 hectáreas de terreo
A Xunta anima aos veciños e propietarios da Gudiña a implementar a aldea modelo do Seixo para poñer en valor preto de 36 hectáreas de terreo
O instrumento de mobilización recollido na Lei de recuperación da terra agraria implicaría neste caso 225 parcelas dun total de 77 titulares, cunha superficie total de 35,8 hectáreas. Dentro do perímetro da figura está localizado o núcleo de poboación do Seixo, que é o que se persegue dinamizar, e bens culturais como a capela e o pazo do Seixo

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro con veciños da Gudiña para animalos a implementar a aldea modelo do Seixo, que suporía poñer en valor preto de 36 hectáreas de terreo. Na xuntanza, explicoulles que esta figura recollida na Lei de recuperación da terra agraria busca dinamizar núcleos de poboación, xerando ao seu redor actividade agraria rendible.

Neste caso, o núcleo beneficiado sería o do Seixo, poñendo en valor unha superficie concreta de 35,8 hectáreas distribuídas en 225 parcelas de 77 propietarios. No perímetro da figura estarían incluídos, ademais, bens culturais como a capela e o pazo do Seixo.
Na charla explicativa, a directora xeral abondou nas vantaxes que supoñen as aldeas modelo sinalando que están a contribuír xa en varias zonas de Galicia a fixar poboación, grazas á xeración de actividade económica rendible apostando polos usos agrícola, gandeiro ou forestal, segundo máis conveña en cada caso. Ao tempo, recalcou, lógrase avanzar na anticipación aos incendios forestais, ao servir esta actividade de devasa natural fronte aos lumes.

En definitiva, Inés Santé explicou que esta ferramenta ten por obxecto a volta á produción de terra en estado de abandono ou infrautilización. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70 % do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase a acondicionar a zona para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade económica escollida.