Novas

20.05.2019
A Xunta apela á implicación dos grupos de desenvolvemento rural para loitar contra a violencia de xénero
A Xunta apela á implicación dos GDR para loitar contra a violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Peréz Dubois, presentáronlles hoxe as medidas que se porán en marcha no medio rural para erradicar esta lacra. Os GDR colaborarán en campañas de información e sensibilización

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuníronse hoxe cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para presentarlles as medidas que se executarán ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no medio rural e para pedirlles a súa implicación nesta loita.

A Administración autonómica ten xa habilitado un amplo abano de recursos e servizos xerais para as vítimas. Para complementalo, e ao abeiro do Pacto de Estado, a partir deste ano decidiuse realizar un esforzo engadido naqueles ámbitos nos que os expertos coinciden en que é preciso implantar novas medidas específicas, como é o caso do medio rural.

Con este fin, o pasado mes de abril a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio de colaboración, dotado con algo máis de 780.000 euros, para impulsar actuacións de cara a prevención e loita contra a violencia de xénero e para impulsar a igualdade real entre homes e mulleres neste ámbito.

Entre as actuacións previstas inclúese a execución de campañas sobre detección e prevención da violencia contra a muller no ámbito rural e accións de información sensibilización e formación sobre esta cuestión a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural.

Tamén se inclúen outras medidas, como a posta en marcha dun programa de contratación de mulleres que sufriran violencia de xénero en empresas e/ou entidades forestais e agrogandeiras.