Novas

26.10.2021
A Xunta avanza na implementación dun polígono agroforestal de preto de 70 ha en Cerdedo-Cotobade para o cultivo de mazá de sidra
Polígono Agroforestal Cerdedo-Cotobade
A figura abranguería 67,88 hectáreas distribuídas en 1.534 parcelas de 278 propietarios e viría aumentar a produción deste cultivo na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. O conselleiro lembrou que a Xunta investirá 5,3 millóns de euros en 2022 para seguir desenvolvendo as ferramentas da Lei de recuperación da terra, incluídos os polígonos agroforestais e as aldeas modelo.

A Xunta avanza na implementación dun polígono agroforestal de preto de 70 hectáreas no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade destinado ao cultivo de mazá de sidra. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde desta localidade pontevedresa, Jorge Cubela, vén de manter unha xuntanza con veciños e propietarios da zona para informalos das vantaxes de apostar por esta figura de posta en valor contemplada na Lei de recuperación da terra agraria.
En concreto, este polígono agrario proxectado en Vilalén-Tomonde contaría cunha superficie de 67,88 hectáreas, distribuídas en 1.534 parcelas de 278 propietarios. Viría aumentar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes respondendo á demanda de base territorial efectuada tanto por parte dos produtores deste tipo de cultivo como das sidrerías asentadas na bisbarra, unha vez A Estrada xa recolle cada ano arredor dun millón e medio de quilos deste produto.

O conselleiro explicou que a ferramenta dos polígonos céntrase na volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona (neste caso, o da mazá de sidra). Engadiu que toda a comarca de Tabeirós-Terra de Montes reúne unhas condicións agronómicas idóneas para estas árbores froiteiras, destacando que a mobilización de terras para aumentar a produción de mazá de sidra permitirá dar resposta a unha demanda crecente do mercado.

Ao tempo, José González apuntou que a posta en marcha da Lei de recuperación da terra agraria contribuirá tanto a xerar actividade económica no agro como a fixar poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao servir esta actividade de devasa natural fronte aos lumes. Uns obxectivos que se consolidarán no vindeiro exercicio -abondou- cando a Xunta ten proxectado investir 5,3 millóns de euros para seguir desenvolvendo ferramentas como os polígonos agroforestais e as aldeas modelo.