Novas

29.01.2022
A Xunta celebra que os prezos da terra agraria se incrementasen ata un 60% en Galicia desde o ano 2013 consolidando o potencial do noso rural
A Xunta celebra que os prezos da terra agraria se incrementasen ata un 60% en Galicia desde o ano 2013 consolidando o potencial do noso rural
Segundo un informe do Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, o prezo da terra rústica experimentou unha suba do 53% ata situarse en 2019 nos 1,21 €/m², mentres o incremento do prezo do monte foi do 60% ata chegar aos 0,83 €/m². Canto á superficie agraria útil (SAU), alcanzou os 1,8 €/m², un 30% máis que en 2013. O estudo tamén revela que en 2019 se realizaron 38.784 operacións de compravenda de terra rústica na nosa comunidade que afectaron a 11.469 hectáreas, das que 4.500 ha foron de superficie agraria útil e case 7.000 ha de monte

Os prezos da terra rústica e do monte incrementáronse ata un 60% en Galicia desde o ano 2013, consolidando o potencial do noso rural. Así o reflicte o último informe anual de prezos e taxas de compravenda de terras rústicas en Galicia elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras -dependente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-, no que se analiza a situación do mercado de terras rústicas na nosa comunidade entre os anos 2008 e 2019.

Así, no relativo ao prezo da terra rústica, os datos apuntan ao mantemento da subida iniciada no 2014 e que sitúa os valores medios do 2019 (1,21 €/m²) en máximos da serie dende 2008, que ademais supoñen un incremento do prezo da terra do 53% con respecto ao alcanzado no ano 2013 (0,79 €/m²). Canto aos terreos de monte, amosan unha evolución máis positiva, cun incremento sostido que levou os prezos do 2019 a superar nun 60% os niveis do 2013, chegando aos 0,83 €/m². Sobre os prezos da superficie agraria útil (SAU), aumentaron un 30% ata situarse nos 1,8 €/m².

Por provincias, as de Pontevedra e Ourense amosan maiores subidas nos últimos anos, de xeito que os prezos medios de Pontevedra -os maiores de Galicia- case duplican os da Coruña, mentres os de Ourense fan o propio cos rexistrados na provincia de Lugo. Mirando aos concellos, os do eixo atlántico seguen a amosar os prezos máis elevados de Galicia.

Deste xeito, os resultados semellan apuntar cara a unha homoxeneización dos prezos da superficie agraria útil das comarcas litorais das provincias da Coruña e Pontevedra e, simultaneamente, a unha intensificación da gradación leste-oeste en Galicia. A provincia de Lugo, pola súa parte, é a que amosa no seu conxunto unha maior estabilidade nos prezos.

 

Operacións de compravenda

Segundo o informe do Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, no ano 2019 realizáronse un total de 38.784 operacións de compravenda de terra rústica que afectaron a 11.469 hectáreas. Destas superficie, 4.500 ha foron de superficie agraria útil e case 7.000 de monte. Os datos analizados suxiren unha relativa estabilidade tanto do número de operacións de compravenda como da área total afectada, así como o mantemento da subida de prezos iniciada no 2014.

A área total obxecto de compravenda incrementouse en relación ao trienio anterior, invertendo a tendencia previa. Isto debeuse a un maior tamaño medio das parcelas implicadas, que aumentou sensiblemente no bienio 2018-19. Con todo, as variacións dos últimos anos atópanse nun contexto de relativa estabilidade en canto á superficie transaccionada, que se sitúa ao redor das 11.000 ha por ano en todo o período estudado.

Mirando a taxa de mobilidade (a porcentaxe que representa a superficie de terra rústica dunha determinada categoría obxecto de compravenda sobre o total da superficie de rústica desa mesma categoría), situouse no 2019 nun 0,57%, un valor baixo no contexto español e europeo. As maiores taxas de mobilidade seguen a concentrarse na metade norte de Galicia, especialmente na provincia de Lugo (0,71%), tanto para superficie agrícola como para superficies de monte. Destacan tamén as comarcas do Deza e do Salnés en Pontevedra, especialmente no caso da superficie agraria útil.