Novas

03.01.2020
A Xunta destaca a contribución da medida Leader ao desenvolvemento económico e social de Galicia
O director xeral de Agader visitou en Lalín o centro de negocios posto en marcha grazas a unha axuda do Leader de 200.000 euros, xestionados polo Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Norte

A posta en marcha dun centro de negocios na localidade pontevedresa de Lalín supuxo un investimento total de máis de medio millón de euros e contou cunha axuda da medida Leader de 200.000 euros. Así o destacou hoxe o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, quen visitou estas instalacións acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e polo presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Norte (GDR 16), Luis López Diéguez.

Precisamente este GDR foi o que seleccionou o proxecto e xestionou a achega, no marco da media Leader. O investimento realizado permitiu poñer en marcha un servizo de atención ás empresas de case 850 metros cadrados, distribuídos en dous andares, e que ofrece un total de 11 despachos de traballo totalmente equipados, unha sala de reunións e outra de formación. Permite, ademais, a posibilidade de alugar espazos de traballo de distintas dimensións. A iniciativa, que está finalizada dende decembro de 2019, sitúase no Parque Empresarial Lalín 2.000 e pretende facilitar e incentivar a actividade económica neste espazo, proporcionando os servizos e instalacións precisas para dinamizar o traballo dos empresarios e emprendedores da contorna. Así, facilita desde espazos físicos de traballo e salas de reunións ou formación ata oficinas virtuais, grazas ao uso das novas tecnoloxías da información.

Neste acto o director xeral de Agader destacou a incidencia positiva que ten a medida Leader no desenvolvemento rural, tanto desde o punto de vista estritamente económico como social e cultural. Desta forma, Pérez Dubois puxo en valor o apoio que se presta a través destes fondos tanto a proxectos produtivos como non produtivos (aqueles que teñen unha orientación sociocultural), inxectando recursos para favorecer a creación de riqueza e emprego no rural.

Neste sentido, o director xeral de Agader lembrou a recente convocatoria, mediante a súa publicación no DOG, das subvencións do Leader correspondentes a 2020 e 2021. Unha convocatoria dotada con máis de 6,6 millóns de euros e a que pode optar calquera persoa ou entidade a través dalgún dos 24 GDR distribuídos polo territorio galego. Estes grupos son as entidades que xestionan as axudas, cofinanciadas nun 75% polo Feader, nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5% pola Xunta de Galicia.