Novas

23.01.2022
A Xunta destina case 28.000 euros á mellora do mercado de Curtis para consolidalo como referente da venda de produtos agroalimentarios na comarca de Betanzos
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou hoxe este mercado, situado no recinto feiral da localidade coruñesa. Cun total de 150 postos habilitados, este mercado destaca por comercializar producións locais de primeira calidade como queixos, meles, froitas, hortalizas, pan e carne, ademais de produtos artesanais. Asemade, Curtis pertence á Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, promotora da marca da reserva da Biosfera, que recoñece os produtos agroalimentarios e os servizos con valores acordes ao espazo en que se desenvolven

A Xunta destinou un total de 27.602 euros á mellora do mercado municipal de Curtis, situado no recinto feiral desta localidade coruñesa, no marco das subvencións convocadas para que os concellos galegos rehabiliten ou reformen os mercados ou prazas de abastos de venda de produtos agroalimentarios. Así o destacou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, que hoxe visitou as instalacións beneficiarias das obras cualificándoas de referentes na comarca de Betanzos á hora de comercializar producións locais de primeira calidade. No acto, estivo acompañada polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos.

En concreto, os traballos de mellora do mercado municipal consistiron en pequenas obras de conservación e mantemento da nave de venda de produtos agroalimentarios, nomeadamente no cambio das dúas reixas de aceiro existentes de desaugadoiro da nave, na reparación do canal de desaugadoiro e na colocación dunha nova reixa de aceiro, así como no pintado de distintos elementos interiores e exteriores, ademais do chan das instalacións.

Cabe lembrar que as referidas subvencións convocadas pola Xunta en 2020 cun orzamento superior aos 1,7 millóns de euros para que os concellos galegos reformasen os seus mercados e prazas de abastos buscaban potenciar a comercialización de produtos agroalimentarios, que serven de dinamización económica e social dos territorios. Nesa liña, tívose en conta que os consumidores valoran tanto o trato persoal recibido como a calidade e a proximidade dos produtos que mercan, polo que a finalidade era mellorar a experiencia do usuario cunhas infraestruturas renovadas.

 

Mercado de Curtis

Con máis de 150 postos habilitados, o mercado de Curtis celébrase todos os días 9 e 23 de cada mes. A feira conta cunha gran tradición que a sitúa como referente na comercialización de producións de primeira calidade, como queixos, meles, froitas, hortalizas, pan e carne, ademais de produtos artesanais.

Asemade, o concello de Curtis está situado na zona da Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, entidade que promove a marca da reserva da Biosfera, que recoñece os produtos agroalimentarios e servizos do territorio que ofrecen uns valores acordes co espazo en que se desenvolven.