Novas

25.08.2021
A Xunta destina máis de 100.000 euros á mellora de infraestruturas rurais do Concello de Guntín
A Xunta destina máis de 100.000 euros á mellora de infraestruturas rurais do Concello de Guntín
O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantiveron un encontro coa alcaldesa deste municipio lucense. Na reunión, fíxose especial fincapé na necesidade de arranxar os camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, un obxectivo para o que esta localidade ten consignados máis de 66.000 euros ao abeiro do Plan Marco 2021-2022. Así mesmo, o Goberno galego investiu preto de 40.000 euros na mellora do firme da estrada de acceso de Francos a Navallos, dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2020

A Xunta ten consignados máis de 100.000 euros para a mellora de infraestruturas rurais no Concello de Guntín. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na reunión que mantivo coa alcaldesa desta localidade lucense, María José Gómez, na que estiveron acompañados polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

No encontro, fíxose especial fincapé na necesidade de arranxar os camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, tendo en conta o importante número de explotacións cos que conta a localidade -principalmente de vacún de leite e avícolas- e o tipo de maquinaria que soen empregar. Nesa liña, o conselleiro destacou que o Concello de Guntín ten asignados 66.189 euros no seo do Plan Marco 2021-2022, que ten como obxectivo o acondicionamento das vías que dan acceso aos predios agrarios para facilitar a accesibilidade e vertebración do territorio dinamizando o tecido produtivo e contribuíndo á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

No marco do esforzo da Xunta a prol da mellora das condicións de vida no rural, o conselleiro tamén puxo en valor o investimento próximo aos 40.000 euros concedido ao Concello de Guntín para arranxar o firme da estrada de acceso de Francos a Navallos, no marco do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2020. Unhas obras que veñen de executarse.