Novas

24.11.2021
Xunta e Concello de Xunqueira de Ambía colaboran na posible posta en marcha dun polígono agroforestal para cereais que podería chegar ás 100 hectáreas
Xunta e Concello de Xunqueira de Ambía colaboran na posible posta en marcha dun polígono agroforestal para cereais que podería chegar ás 100 hectáreas
Técnicos de Medio Rural desprazaranse á zona seleccionada para buscar áreas con certo nivel de abandono co fin de situar o polígono, que se localizaría na parroquia de Sobradelo. Este municipio beneficiarase dunha achega de algo máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais, dentro do plan extraordinario de reparación de camiños da Limia impulsado pola Xunta

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, para coñecer as demandas e necesidades dos habitantes deste concello ourensán relacionadas co agro. Na xuntanza tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No encontro, o conselleiro e o rexedor acordaron estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal co fin de dedicalo a cereal para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego.

Así, decidiuse que por parte da Consellería, técnicos deste departamento da Xunta desprazaranse á zona seleccionada para buscar áreas con certo nivel de abandono, co fin de situar o polígono, que podería ter unha superficie dunhas 100 hectáreas, segundo as primeiras estimacións, e que se localizaría na parroquia de Sobradelo.

Neste senso, José González sinalou que a posta en marcha deste instrumento, que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, contribuirá á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ademais de supoñer un avance na anticipación aos incendios forestais, ao exercer estes cultivos de devasa natural fronte ao lume. Lembrou ademais que os polígonos agroforestais constitúen unha das principais ferramentas contempladas na nova norma e explicou que esta figura voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.

Por outra banda, na reunión tamén se abordou a mellora das infraestruturas rurais do municipio e, neste sentido, o titular de Medio Rural puxo en valor a inclusión de Xunqueira de Ambía, no marco da estratexia para a Limia, no plan extraordinario de reparación de camiños, dotado cun total de 600.000 euros este ano. Así, este concello beneficiarase dunha achega de algo máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais. A través deste programa repararanse camiños empregados, fundamentalmente, polos agricultores e gandeiros locais desta bisbarra ourensá.