Novas

12.07.2021
A Xunta e o Concello da Arnoia avanzan no traballo para a posta en marcha de dous polígonos agroforestais
A Xunta e o Concello da Arnoia avanzan no traballo para a posta en marcha de dous polígonos agroforestais
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse co alcalde do concello ourensán da Arnoia, Rodrigo Aparicio. Na reunión, a directora e o rexedor do municipio progresaron na consolidación destas propostas por medio da investigación da propiedade e da definición dos seus perímetros. A creación destes dous polígonos estaría orientada á loita contra os incendios forestais a través do cultivo de viñedo

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha reunión co alcalde do concello ourensán da Arnoia, Rodrigo Aparicio, na que se avaliou a consolidación de dous polígonos agroforestais no municipio.

No encontro, ambos avanzaron no traballo para a posta en marcha destas propostas por medio da investigación da propiedade e da definición dos seus perímetros. Así, ambos os dous polígonos crearíanse co fin de aportar novas solucións para a loita contra os incendios forestais e para a recuperación e posta en valor da terra a través do cultivo de viñedo, posto que se trata dunha zona acollida á Denominación de Orixe Ribeiro.

Un dos polígonos encontraríase dentro de montes que son propiedade do Concello e contaría cunha superficie de arredor de 60 hectáreas que serían utilizadas como ferramenta para seguir aumentando a produción de viño de calidade en Galicia das nosas denominacións de orixe. Por outra banda, no polígono situado no monte de Remuíños estase a estudiar nestes momentos a súa orientación produtiva, aínda que tamén se terá en conta a plantación de viñedo dado o valor do patrimonio vitivinícola da zona.

Estas iniciativas enmárcanse na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que aposta pola produción das terras abandonadas e infrautilizadas e pola xeración de actividade económica, ao mesmo tempo que se crean devasas naturais contra o lume. Deste xeito, a Xunta busca poñer en valor as terras do concello de Arnoia á vez que se dá resposta á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro.