Novas

11.09.2021
A Xunta e o Concello de Bande avalían a implantación dunha aldea modelo na parroquia de Nogueiroá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria
A Xunta e o Concello de Bande avalían a implantación dunha aldea modelo na parroquia de Nogueiroá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo un encontro coa rexedora desta localidade ourensá. No encontro confirmouse que se celebrará unha reunión con veciños da zona para informalos sobre as vantaxes que suporía a aplicación desta figura de mobilización. Así mesmo, tratouse a posibilidade de rehabilitar o exterior do mercado do Xurés, importante punto de venda para os produtores e pequenas industrias da zona

A Xunta e o Concello de Bande avalían a implantación dunha aldea modelo na parroquia de Nogueiroá, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, confirmoulle á rexedora desta localidade ourensá, Sandra Quintas, que proximamente se convocará unha xuntanza con veciños da zona para informalos das vantaxes que suporía a aplicación desta figura de mobilización pensada para a posta en valor das contornas dos núcleos de poboación.

Na xuntanza que mantiveron esta semana, a directora xeral incidiu en que as aldeas modelo, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, son instrumentos concibidos para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume. Nesa liña buscarase conseguir o apoio dos veciños de Nogueiroá á fórmula das aldeas modelo, das que xa hai 14 declaradas no conxunto de Galicia.

A maiores, no encontro entre a directora xeral e a alcaldesa de Bande falouse da posibilidade de rehabilitar o mercado do Xurés, arranxando o exterior deste importante punto de venda para os agricultores, gandeiros e industrias agroalimentarias da zona.