Novas

23.08.2021
A Xunta e o Concello de Sandiás analizan as actuacións que se van levar a cabo na comarca da Limia para potenciar o sector agrario da zona
O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro telemático co alcalde para coñecer as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá un encontro telemático co alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, para coñecer as necesidades e demandas dos veciños deste municipio relativas ao agro. Así, ambos dirixentes analizaron, entre outras cousas, as actuacións que se van levar a cabo na comarca da Limia para potenciar o sector agrario da zona.
Así, José González lembroulle ao rexedor que a comarca recibirá unha inxección de case 32 millóns de euros para impulsar este eido produtivo na comarca da Limia, grazas á colaboración institucional liderada pola Xunta. Neste senso, o conselleiro trasladou que preto de 12 millóns irán destinados a sufragar a limpeza das canles da Limia e dos camiños paralelos, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas para evitar e reducir a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá.

Así mesmo, investiranse outros 15,9 millóns de euros nun proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Unha cantidade da que o Goberno central achegará máis de 12,7 millóns, mentres a comunidade de regantes da Limia aportará os restantes preto de 3,2 millóns de euros. A maiores, o titular de Medio Rural lembroulle que o seu departamento destinará outros catro millóns de euros para completar este ano a rede de pozos do regadío da zona, cos que se crearán outros 27 novos.

Nesta liña, o conselleiro e o alcalde abordaron a posibilidade de restaurar tamén as actuais infraestruturas que, co paso dos anos, van quedando obsoletas ou deterioradas. Así, José González comprometeuse a tratar este tema na vindeira xuntanza da Mesa da Limia, que será na primeira quincena de setembro, e emitir un informe sobre o posible investimento que suporían estas melloras.
Ademais, o titular de Medio Rural tamén lle trasladou ao rexedor que a Xunta está a impulsar diferentes medidas a prol da xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras, tendo en conta as particularidades do noso agro, como é o caso do Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros.

Noutra orde de cousas, José González e Felipe Traveso analizaron tamén a xestión da biomasa nas franxas secundarias. Neste senso, cómpre sinalar que o concello de Sandiás foi un dos 35 beneficiarios da cesión, por parte do Goberno galego, de tractores para rozar unha superficie de preto de 5.000 hectáreas en áreas cortalumes para reforzar a prevención fronte os incendios forestais.

Precisamente sobre esta xestión de biomasa, o conselleiro lembroulle ao alcalde que xa están traballando sobre o territorio os 45 supervisores que están a comprobar que as faixas secundarias estean limpas de maleza, tanto en parroquias priorizadas como nas non priorizadas de concellos con este tipo de parroquias no marco do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (fegamp) para a protección das aldeas, entre os cales se atopa o concello de Sandiás.