Novas

11.10.2021
A Xunta e os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia avanzan no deseño e aplicación do Leader 23-27
A Xunta e os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia avanzan no deseño e aplicación do Leader 23-27
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural presidiu a segunda xuntanza da Mesa de Coordinación dos GDR, que tivo lugar en Mos (Pontevedra). Os representantes destes grupos debateron tamén a futura convocatoria de axudas para accións preparatorias da vindeira estratexia de desenvolvemento local. Tamén se impartiu formación aos responsables dos GDR sobre as oportunidades de financiamento para os concellos rurais no marco do Next Generation

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a segunda reunión da Mesa de Coordinación dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia. Este órgano de traballo avanzou na definición e aplicación da medida Leader para o vindeiro período de programación 2023-2027 e no debate sobre a futura convocatoria de axudas para accións preparatorias da vindeira estratexia de desenvolvemento local. No peche desta xornada participaron a presidenta do GDR Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a rexedora municipal de Mos, Nidia Arévalo.

Outro asunto tratado nesta reunión foi a preparación das actividades previstas con motivo do Día en contra da violencia de xénero, que se conmemora o vindeiro 25 de novembro e que se celebrarán baixo o lema “Camiñando contra a violencia de xénero”. Ademais, tamén se impartiu aos representantes dos GDR formación sobre as oportunidades de financiamento para os concellos rurais no marco do Next Generation.

 

Foro de participación

A Mesa de coordinación dos GDR quedou formalmente constituída o pasado día 24 de agosto. Trátase dun foro de traballo e participación que permite por unha banda abordar temas e propostas de actualidade e por outra tratar procedementos e atender suxestións de cada un dos grupos. Ademais, ten entre os seus obxectivos o de mellorar a visualización do traballo de cada un dos GDR sobre o territorio e a comunicación entre eles.

A maiores, a mesa identificará e canalizará aqueles proxectos que están funcionando nalgún grupo e que teñen capacidade para chegar á totalidade do territorio. Trátase de que sirvan para delimitar estratexias no conxunto de Galicia, co obxectivo de concibir o rural galego como un todo.