Novas

27.12.2021
A Xunta inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento de dous polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos de Oímbra e Cualedro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, que dan lugar ao comezo destes procesos de recuperación de terras. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización. O polígono de Cualedro constará de 64 hectáreas para gandería en extensivo, mentres que o de Oímbra contará con case 22 hectáreas para uso de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, polo que se inician os procedementos de aprobación para o desenvolvemento de dous polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensán de Oímbra e Cualedro, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ditos procesos realizaranse mediante procedementos de concorrencia competitiva.

Así, tras as correspondentes solicitudes por parte destas dúas administracións locais e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias de cada un dos casos, a Consellería do Medio Rural resolveu a conveniencia de iniciar ditos procedementos. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

Cómpre sinalar que as causas polas que procede desenvolver estes dous polígonos son a existencia dunha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como a disposición de documentos de manifestación do acordo das persoas acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto.

Así, o polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas -cunhas 70 parcelas de 70 propietarios- que se dedicará esencialmente á gandería en extensivo. O polígono de Oímbra contará cunha superficie de case 22 hectáreas -cunhas 70 parcelas de 73 propietarios- para uso de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra.

 

Máis información anuncio acordo polígono agroforestal de Oímbra >>

Máis información anuncio acordo polígono agroforestal de Cualedro >>