Novas

13.11.2021
A Xunta pon en valor as 24 andainas contra a violencia de xénero que percorren hoxe Galicia baixo a organización dos Grupos de Desenvolvemento Rural
A Xunta pon en valor as 24 andainas contra a violencia de xénero que percorren hoxe Galicia baixo a organización dos Grupos de Desenvolvemento Rural
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a secretaria xeral da Igualdade participan nas organizadas polos GDR Ribeira Sacra-Courel e Miño-Ulla. O proxecto “O rural contra a violencia de xénero” contempla máis de medio cento de actividades deica o 25 de novembro nos ámbitos de actuación dos 24 GDR galegos, sendo a principal esta marcha simultánea contra o machismo. Coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, nel tamén participa a Axencia de Turismo de Galicia no marco do acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participan hoxe en senllas andainas das 24 que percorren a nosa comunidade de xeito simultáneo no marco do proxecto “O rural contra a violencia de xénero”. Un proxecto que inclúe un amplo programa de actividades organizadas polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda Galicia e que se celebrarán deica o 25 de novembro, data na que se conmemora o Día mundial da eliminación da violencia contra a muller.

En concreto, Inés Santé participa na marcha organizada polo GDR Ribeira Sacra-Courel, que culmina diante da Casa do Concello de Triacastela. Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acude á organizada polo GDR Miño-Ulla, que conclúe en Palas de Rei. Cabe lembrar que estas andainas buscan implicar a miles de persoas do rural para que camiñen desde 24 puntos distintos do noso territorio cos obxectivos de reclamar o fin da violencia machista e de defender a igualdade. A través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta tamén quere poñer en valor os diferentes roteiros de peregrinación do Camiño de Santiago, co gallo do Xacobeo 21-22.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, responsable de coordinar todos os grupos de desenvolvemento rural da comunidade, é a artífice desta iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Foron os propios 24 GDR os que deseñaron e organizaron un completo programa de actividades socioculturais nos municipios que engloban e cuxo acto central é a andaina popular que ten lugar hoxe.

Entre as accións programadas polos GDR deica o 25 de novembro, encóntranse exposicións, concursos de debuxo e fotografía, concertos, proxección de documentais con testemuños de vítimas de violencia machista, actividades e charlas en colexios, teatro ou puntos de atención itinerantes para vítimas de violencia machista.

 

Amplo programa polo 25-N

A Xunta programou este ano un amplo abano de actuacións para conmemorar o 25-N e chamar á sociedade a se implicar na loita contra a violencia de xénero. Entre outras medidas, estanse a celebrar xornadas de sensibilización nos campus universitarios contra a violencia sexual. Deseñouse, ademais, un Plan de formación para os 189 concellos incluídos na Rede galega contra a violencia de xénero e para os centros de información á muller (CIM).

Doutra banda, permanece aberto ata o 15 de novembro o concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais dirixido aos centros de educación non universitarios de Galicia.

Outras actividades que se desenvolverán para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero son o Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público (18 e 19 de novembro en Santiago); o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade (26 de novembro en Santiago de Compostela) e a andaina contra a violencia de xénero que baixo o lema “Camiño ao respecto” está aberta á participación da cidadanía e se celebrará o 21 de novembro desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro.