Novas

19.11.2021
A Xunta pon en valor o traballo dos Grupos de Desenvolvemento Rural para axudar a aplicar a Lei de recuperación da terra e na dinamización xeral do agro
A Xunta pon en valor o traballo dos Grupos de Desenvolvemento Rural para axudar a aplicar a Lei de recuperación da terra e na dinamización xeral do agro
Inés Santé subliñou o papel dos GDR na xestión do Leader, e neste sentido valorou a súa achega para consolidar case 2.300 empregos e para crear outros 790 postos de traballo en Galicia no período 2014-2020, ao abeiro deste programa. Trasladou o agradecemento da Xunta a estas entidades e reiterou o compromiso do Goberno galego co seu labor, que se plasma, entre outras medidas, no incremento do orzamento para que os grupos poidan preparar as estratexias do seguinte período

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta tarde en Noia a inauguración da xornada “A xestión da sustentabilidade en eventos culturais con espectáculos en vivo en espazos rurais”, que forma parte dun proxecto de colaboración coordinado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Deloa.

Na súa intervención, Inés Santé puxo en valor o traballo dos 24 GDR galegos a prol do desenvolvemento do rural galego en xeral. Neste sentido, salientou en especial a súa contribución en materias como a aplicación e cumprimento dos obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Precisamente, a asociación que agrupa estas entidades vén de asinar un convenio coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para exercer como colaboradora neste eido.

Así, tal e como destacou Inés Santé, esta asociación de GDR pode aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporan á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico. Tamén, ofrecer asesoramento e acompañamento a iniciativas de solicitude de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta, entre outros instrumentos de mobilización, no marco da devandita Lei.

 

Programa Leader

Por outra banda, a directora da Axencia subliñou o papel dos GDR na xestión do Leader, e neste sentido valorou a súa achega para consolidar case 2.300 empregos e para crear outros 790 postos de traballo en Galicia no período 2014-2020, ao abeiro deste programa. Nesta liña, Inés Santé indicou ademais que estes grupos veñen demostrando que son os axentes necesarios e indispensables á hora de implementar estas políticas en cada territorio.

Ademais, Inés Santé trasladou o agradecemento da Xunta aos GDR por todo este esforzo e reiterou o compromiso do Goberno galego co seu labor. Un compromiso que se plasma, por exemplo, no feito de triplicar o orzamento do actual período, chegando a un gasto público total de 900.000 euros, nunha nova convocatoria que se fará proximamente para que os grupos poidan preparar as estratexias do seguinte período (2023-2027).