Novas

07.03.2023
A Xunta prevé reorganizar coa nova concentración parcelaria de San Miguel de Valga 125 hectáreas de superficie
A Xunta prevé reorganizar coa nova concentración parcelaria de San Miguel de Valga 125 hectáreas
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou hoxe as características deste proceso, que beneficiará 322 veciños e unhas 50 explotacións agropecuarias a través dun investimento de máis de medio millón de euros. Este proceso forma parte dos 28 decretados en toda Galicia desde 2021, que abarcan máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 propietarios. Entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 titulares.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión informativa cos veciños beneficiados pola concentración parcelaria de San Miguel de Valga, no concello pontevedrés de Valga. Así, este proceso prevé reestruturar unha superficie de 125 hectáreas divididas en 2.100 parcelas, propiedade de 322 veciños.

Para levar a cabo esta reorganización territorial, a Consellería do Medio Rural ten previsto investir un orzamento de máis de medio millón de euros. Desta forma, veranse tamén beneficiadas por esta mellora estrutural da terra as case 50 explotacións agropecuarias existentes na zona.

Así, este proceso forma parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Estes decretos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Para isto, a Consellería ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación. Ademais, este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. O obxectivo é acadar a trintena de procesos -tanto decretados como finalizados- no primeiro semestre deste ano.

Xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén as ferramentas que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a entrada en vigor da norma, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.