Novas

23.09.2021
A Xunta prioriza 45 concellos galegos para recuperar ata 2.000 hectáreas de soutos tradicionais deica o ano 2025 no marco do Plan Forestal de Galicia e da Lei de Recuperación
Trátase dos municipios da comunidade que contan con máis de 250 hectáreas de masas de soutos cunha superficie superior a 10 ha, así como os identificados pola Consellería do Medio Rural por teren entidades interesadas na xestión deste tipo de terreos. As actuacións iranse desenvolvendo atendendo a criterios como a superficie total de soutos, a representatividade dos soutos no concello, as solicitudes de plantación de castiñeiros recibidas na MDI da Consellería do Medio Rural e a inclusión nos plans de tratamento desta árbore, entre outros. Os resultados desta priorización serán tidos en conta para a posta en marcha de liñas de axudas destinadas a traballos de recoñecemento, identificación e inventariación, así como a tratamentos de recuperación e mellora de soutos. A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia recolle figuras de posta en valor en que pode ter cabida o castiñeiro como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións e actuacións de xestión conxunta. A produción de castaña estímase en 20 millóns de quilos en Galicia, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto

A Xunta vén de priorizar un total de 45 concellos galegos para recuperar ata 2.000 hectáreas de soutos tradicionais deica o ano 2025, tal e como establece o Plan forestal de Galicia 2021-2040 e atendendo ás figuras de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria. Así o avaliou hoxe o Goberno galego na súa xuntanza semanal mediante un informe da Consellería do Medio Rural.

Así, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural seleccionou para ditas iniciativas os 41concellos galegos que contan con máis de 250 hectáreas de masas de soutos cunha superficie superior a 10 ha. Trátase dos municipios da Fonsagrada, Folgoso do Courel, Quiroga, O Incio, Viana do Bolo, Cervantes, Navia de Suarna, Rubiá, Ribas de Sil, O Bolo, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras, Manzaneda, Becerreá, As Nogais, Baralla, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra do Brollón, Riós, San Xoán de Río, Laza, Lalín, Nogueira de Ramuín, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, A Pontenova, A Mezquita, Vilardevós, Ribeira de Piquín, A Veiga, Celanova, Parada de Sil, Paradela, Sarria, A Teixeira, Riotorto, Sober, Baleira e Petín. 

A eses 41 concellos seleccionados engádenselle outros catro municipios (Monterroso, Monterrei, Vilariño de Conso e A Gudiña) que -malia non cumprir o requisito anteriorcontan con entidades interesadas na recuperación de soutos detectadas pola Dirección
Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Unha vez seleccionados os 45 concellos potenciais onde levar a cabo as intervencións, os traballos iranse desenvolvendo atendendo á necesidade de creación de emprego arredor deste recurso, á superficie total de soutos, á representatividade dos soutos nos concellos, ás solicitudes de plantación de castiñeiros recibidas ao abeiro da Manifestación de interese (MDI) da Consellería do Medio Rural publicada este ano e á inclusión nos plans de tratamentos do castiñeiro.

Así mesmo, os resultados desta priorización serán tidos en conta para a posta en marcha de liñas de axudas destinadas a traballos de recoñecemento, identificación e inventariación, así como a tratamentos de recuperación e mellora de soutos.

Cómpre apuntar que a produción de castaña, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos en Galicia, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado este produto.


Plan forestal de Galicia 2021-2040

A 1ª revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, no caso concreto do castiñeiro, establece diversas actuacións, entre as que se atopa a referida recuperación de soutos tradicionais mediante medidas de rehabilitación que se iniciarán en 2.000 hectáreas entre 2021 e 2025. De cara a 2040, a recuperación prevista abrangue 8.000 ha.

A maiores, o Plan forestal proxecta a creación de novas superficies de soutos para a produción principal de castaña, desde as 3.500 ha no primeiro quinquenio e cun total de 8.000 hectáreas en 20 anos. Así mesmo, aposta por novas superficies de soutos para a produción principal de madeira: 2.000 ha ata o ano 2025 e 8.000 ha deica o horizonte do 2040. Mirando a 2025, tamén se considera ter elaborado ese ano o Plan estratéxico do castiñeiro de Galicia.

Neste contexto, cómpre mencionar tamén a Unidade Técnica do Souto, recentemente creada dentro do Servizo de Saúde e Vitalidade Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. O seu obxectivo é coordinar e elaborar actuacións  para consolidar estas importantes formacións vexetais dos nosos montes, desde o punto de vista ambiental, socioeconómico e histórico como son os soutos de castiñeiros.

No marco destas medidas, a Xunta persegue, entre outros obxectivos, apoiar o sector viveirista, incrementar a produción de castaña mediante medidas de control sanitario, axudas para a restauración e posta en produción de soutos tradicionais e certificación de
variedades de pugas; aumentar a calidade da castaña mediante tratamentos sanitarios, melloras na transferencia de tecnoloxía e priorización de variedades de mellor aptitude; incrementar a superficie de castiñeiro para madeira e mellorar a competitividade das
empresas de produción, comercialización e transformación.


Lei de recuperación da terra agraria

Tamén cómpre sinalar que a Lei de recuperación que entrou en vigor o pasado mes de maio recolle o marco xeral para a proxectada posta en valor de soutos tradicionais, xa que se encarga de regular a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos, a loita contra o seu abandono e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e de facilitar a terra a quen a desexe traballar.

Para iso, recolle figuras en que pode ter cabida o castiñeiro como as aldeas modelo -concibidas para recuperar contornas de núcleos de poboación-, os polígonos agroforestais -pensados para mobilizar grandes superficies de terreo- ou as agrupacións e actuacións de xestión conxunta.