Novas

16.10.2021
A Xunta reivindica un rural moderno e innovador en igualdade no que se recoñeza o talento e o liderado da muller para construír unha Galicia mellor
A Xunta reivindica un rural moderno e innovador en igualdade no que se recoñeza o talento e o liderado da muller para construír unha Galicia mellor
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron hoxe na Baña en Alma Rural, unha iniciativa na que a Xunta conmemorou o Día Internacional da Muller Rural. Lorenzana relatou os principais avances sociais e económicos nos que as mulleres rurais de Galicia foron impulsoras directas e destacou que “Galicia medra en feminino”. Apuntou que a Xunta traballa para acadar unha contorna igualitaria que dote ás mulleres “dun destino de seu” e onde a muller constrúa o seu futuro en liberdade. O conselleiro do Medio Rural salientou a importancia da muller na historia de Galicia e reafirmou o compromiso da Xunta con este colectivo, que se plasma cunha consideración especial nas axudas e na aplicación da Lei de recuperación da terra

A Xunta reivindicou hoxe para Galicia -no acto que organizou na Baña para conmemorar o Día Internacional da Muller Rural- un rural moderno e innovador en igualdade de oportunidades no que se recoñeza o talento e o liderado da muller “para construír unha Galicia mellor”. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron neste foro co que a Administración autonómica pretende contribuír a que o rural sexa “un espazo transformador, onde as mulleres con máis talento cheguen a ocupar un espazo de liderado”, sinalou Lorenzana.

A titular de Emprego e Igualdade destacou tamén, na clausura do evento, que “Galicia medra en feminino” e que a Xunta traballa para crear unha contorna igualitaria que dote ás mulleres “dun destino de seu” e onde poida construír o seu futuro en liberdade, tal e como xa reivindicaba Emilia Pardo Bazán. Así, animou ás mulleres rurais “a seguir o camiño que lles dite o seu impulso, a súa intelixencia, o seu talento e o seu corazón”.

Lorenzana puxo en valor o papel da muller, “un piar que garante a permanencia dun rural vivo e enérxico, pese ás desigualdades e dificultades históricas”, e salientou os principais avances sociais e económicos de Galicia, nos que a historia demostrou que a muller rural foi impulsora directa. Explicou, así mesmo, que xa na sociedade preindustrial as mulleres tomaron as rendas do tecido produtivo galego fronte ao oco que deixaba a emigración masculina e que hai dos séculos as mulleres foron nais da revolución industrial galega, dando vida ao sector conserveiro, un referente para a comunidade galega. “Estes avances en liderado feminino seguen a inspirar hoxe esa Galicia rompedora e inconformista”, subliñou.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, quen presidiu a apertura de Alma Rural, puxo en valor a importancia da muller na historia de Galicia e especialmente das mulleres rurais, que definiu como “loitadoras, innovadoras, formadas, dinámicas e emprendedoras”, polo que reafirmou o compromiso da Xunta con este colectivo.

González salientou ademais que a Lei de recuperación da terra agraria, “que se está aplicando e que comeza a dar os seus froitos”, ten unha consideración especial coas mulleres. Deste xeito, sinalou, facilítase por parte da Xunta que aquelas mulleres dispostas a investir no rural teñan onde e como facelo nas mellores condicións.

Ademais, o conselleiro engadiu que esta consideración especial tamén se estende ás axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia. Así, este colectivo conta con dous puntos a maiores nos criterios de prioridade das subvencións para o apoio aos investimentos nas explotacións, de creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

A maiores, o conselleiro destacou que na actualidade o rural galego “é maioritariamente feminino” e neste sentido apuntou o dato de que o número de mulleres titulares de explotacións agrogandeiras en Galicia supera o 50%, moi por riba do 22,6% da media nacional.