A Xunta, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, traballa na delimitación, con criterios técnicos, das áreas cortalume para, a partir delas, desenvolver a progresiva implantación de polígonos cortalume en diferentes puntos da nosa comunidade.
Así o explicou hoxe o subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural da devandita axencia, Alfredo Fernández, durante a súa participación na xornada sobre o proxecto europeo Firepoctep celebrada en Tomiño (Pontevedra). Esta iniciativa transfronteiriza ten como principal obxectivo minimizar o risco e o impacto dos incendios forestais.
O representante da Consellería do Medio Rural trasladou que estas áreas cortalume están contempladas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e o seu obxectivo é xerar descontinuidades da biomasa que freen ou atenúen o avance dos lumes mediante a implantación da actividade agrícola, gandeira ou forestal máis idónea para este fin. Estas áreas son zonas prioritarias para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública, malia que tamén se poden promover por iniciativa privada.
Cooperación Interreg
O proxecto Firepoctep está impulsado polo Programa de Cooperación Interreg VA España–Portugal (POCTEP) 2014-2020 e financiado nun 75 % con Fondos FEDER. O seu orzamento total é de 5,6 millóns de euros e entre os seus obxectivos están -ademais de minimizar os danos dos lumes- os de identificar as zonas estratéxicas de xestión para acadar dita finalidade, a través dunha xestión integral da paisaxe fronte ao cambio climático global. Tamén persegue fomentar o investimento público e privado mediante experiencias piloto no marco da Economía Verde Circular e a investigación de novas oportunidades de mercados.
Ademais, outro dos seus obxectivos pasa por educar á poboación rural fixa e ocasional sobre o risco dos grandes incendios forestais, as boas prácticas preventivas e a autoprotección, ademais de capacitar e equipar ao persoal dos operativos tranfronteirizos.
Nesta xornada participaron, ademais do representante da Xunta, expertos das universidades de Extremadura e de Vigo, que falaron, entre outros asuntos, do emprego de simuladores de incendios forestais para determinación de áreas estratéxicas de xestión.