Novas

21.06.2022
A Xunta traballa no mapa de usos agroforestais de Galicia que suporá a revisión de case 16 millóns de recintos
A Xunta traballa no mapa de usos agroforestais de Galicia
Este mapa, previsto na Lei de Recuperación da Terra Agraria, constitúe o documento técnico que reflectirá o uso das terras de carácter profesional no momento da súa elaboración. Trátase do primeiro dos instrumentos de ordenación recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Servirá de base para a planificación das actuacións do conxunto dos órganos das administracións públicas, así como das entidades públicas ou privadas interesadas en todo o referente á ordenación e xestión de usos das terras agroforestais
 

A creación do Mapa de usos agroforestais de Galicia, previsto na Lei de Recuperación da Terra agraria, suporá a revisión de case 16 millóns de recintos (espazos dentro das parcelas cun mesmo cultivo) en todo o territorio da nosa comunidade autónoma, que corresponden a algo máis de 11 millóns de parcelas catastrais. Trátase de revisar todos eles e, nos casos nos que proceda, levar a cabo o tratamento e edición da información correspondente. Este é o primeiro dos instrumentos de ordenación recollidos na devandita lei.

Estes datos foron postos de relevo polo conselleiro do Medio Rural, José González, na sesión constitutiva do Consello de xestión da terra agroforestal, que se celebrou esta tarde no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), acto no que estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Nesta xuntanza, o conselleiro explicou que -tal e como o define a Lei de recuperación- o Mapa de usos agroforestais de Galicia constitúe o documento técnico que reflectirá o uso das terras de carácter profesional no momento da súa elaboración. Este mapa servirá de base para a planificación das actuacións do conxunto dos órganos das administracións públicas, así como das entidades públicas ou privadas interesadas en todo o referente á ordenación e xestión de usos das terras agroforestais.

Ademais, José González trasladou que para a definición da metodoloxía de traballo deste mapa terase en conta o Sistema de información de parcelas agrícolas, o Sistema de información de ocupación do solo de España e o Inventario forestal continuo de Galicia. Xunto con eles, o conselleiro sinalou que tamén se incorporarán os datos doutras fontes, coma o Catastro, o Mapa forestal de España, o Sistema rexistral forestal, o Rexistro de explotacións agraria de Galicia ou o Rexistro vitivinícola de Galicia, entre outras.

Segundo González, na elaboración deste mapa de usos actuais tamén se vai levar a cabo a definición dos sistemas agrarios de alto valor natural, no que se pretende adaptar ao territorio galego as metodoloxías existentes tanto a nivel europeo como nacional para a modelización das áreas agrícolas e forestais de alto valor natural. O obxectivo é catalogar os sistemas agrarios que manteñen e producen servizos de abastecemento (materias e produtos), ao tempo que dan soporte á biodiversidade e aos procesos naturais.


Mapa histórico

A maiores, o titular de Medio Rural indicou que xunto co mapa actual, de xeito paralelo tamén se traballará nun mapa histórico a partires do voo do ano 1957, con apoio puntual de fotogramas dos anos 1946/47. O obxectivo de elaborar este documento histórico é apreciar a evolución dos diferentes usos da terra en Galicia ao longo dos últimos 65 anos. Estes datos serán empregados na elaboración dos catálogos de solos agropecuarios e forestais como información de referencia. O mapa histórico será un dos factores a ter en conta na ordenación de usos que establezan os devanditos catálogos.

Sobre a marcha dos traballos, xa están iniciados os correspondentes tanto ao mapa actual como ao histórico. No primeiro caso, completáronse os labores en 24 concellos e no segundo -o histórico- na actualidade estase a traballar nun total de 85 municipios.