A conselleira do Medio Rural visitou unha das actuacións acometidas no concello de Palas de Rei, que recibiu case 269.000 euros nos últimos tres anos para mellorar as súas infraestruturas viarias. Todos os concellos galegos poden ser beneficiarios do Plan Camiña Rural e con el subvenciónanse a ampliación e a mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Ao abeiro destas achegas, que se convocan anualmente, destináronse preto de 156 millóns de euros desde 2016, que permitiron actuar en case 6.700 camiños cunha lonxitude total de 5.200 quilómetros.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural clausurou hoxe o Programa de Aceleración de Mulleres Emprendedoras do Medio Rural. Recoñeceu a importancia de iniciativas como esta que contribúen a crear redes, compartir experiencias, gañar confianza e atopar posibles colaboracións para seguir impulsando proxectos que son exemplo do talento existente nestas contornas. Desde a Consellería apóiase a este tipo de iniciativas empresariais que favorecen a dinamización do rural e, por iso, a convocatoria do Leader deste ano conta cun orzamento histórico de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, apostou por un territorio que “ten que estar vivo” na apertura do Foro Territorios Patrimonio en Sober. Sumouse ao desexo de que a Ribeira Sacra reciba o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, pero sinalou que “pase o que pase, hai algo que xa temos: o orgullo de contar cun territorio único e cunha xente que leva anos demostrando o seu valor”. Fixo especial fincapé no papel do viño como factor de desenvolvemento desta zona e na súa importancia á hora de definir unha paisaxe única a través da viticultura heroica.







