Novas

20.04.2026
Comezan as obras de mellora na Praza da Fonte de Infesta
Comienzan las obras de mejora en la Praza da Fonte de Infesta

É unha das actuacións contempladas no marco de PAISACTIVO para avanzar cara a territorios máis resilientes, vivos e habitables na aldea piloto galega do proxecto. Este xoves, 23 de abril, alumnado do IES Cidade de Antioquía realizarán unha visita a Infesta no marco do programa Academia de Aldea.

A aldea piloto de Infesta (Monterrei, Ourense) da un paso importante no proceso de transformación e dinamización comunitaria co inicio das obras de mellora da Praza da Fonte, un dos espazos máis emblemáticos e reconocibles do núcleo.

É unha das actuacións contempladas no proxecto PAISACTIVO - Paisaxes cortalumes, que aposta pola activación do espazo rural como ferramenta para avanzar cara a territorios máis resilientes, vivos e habitables. Dentro deste enfoque, a intervención neste espazo público busca reforzar o seu papel como lugar central de encontro, convivencia e vida comunitaria.

As obras prolongaranse nas próximas semanas cun orzamento de 258.987,08€, dos cales 194.240,31€ proceden de fondos europeos con cargo ao programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.


Por que é importante a Praza da Fonte?

A Praza da Fonte, ao pé da Vía da Prata (Camiño de Santiago), foi historicamente un punto de relación veciñal, asociado ao uso compartido da auga e aos intercambios cotiáns xa que este era o punto de entrada da auga ao núcleo habitado. A fonte, catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), tamén está vinculada o sistema tradicional de regadío das Levadas. A súa mellora pretende recuperar ese valor simbólico e funcional, adaptándoo ás necesidades actuais da aldea. A actuación céntrase na reorganización do espazo, a mellora da accesibilidade e a creación de condicións máis favorables para o uso público.

Este tipo de actuacións están aliñadas co modelo de gobernanza e dinamización social impulsado en PAISACTIVO, que entende as aldeas como unidades activas de organización e cooperación, nas que os espazos públicos desempeñan un papel fundamental. Máis aló da obra física, o obxectivo é reforzar a praza como escenario de encontro interxeracional, de actividade comunitaria e de construción de identidade local, en consonancia coa Nova Bauhaus Europea.

O inicio das obras, que se prolongarán nas próximas semanas, marca un momento significativo para a aldea piloto de Infesta: non só pola mellora dun lugar concreto, senón polo impulso dun proceso máis amplo de activación comunitaria e recuperación do espazo vivido.

 

Praza da Fonte


Outras actividades

Dentro das actuacións organizadas por PAISACTIVO en Infesta, este xoves, 23, alumnado do ciclo de Grao Superior de Xestión forestal e do medio natural do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia (Ourense) desprazaranse ata o núcleo para participar na denominada Academia de Aldea. Realizarán varias dinámicas para coñecer e entender a importancia de conservar as aldeas e, por extensión, a paisaxe, os usos do chan e a gobernanza comunitaria.

A mediados de marzo, e tamén no marco do proxecto, organizouse unha xornada de participación veciñal para recoller ideas que se incorporarán no PTM (Proxecto Territorial Modelo) de Infesta que recolle unha serie de actuacións de dinamización da aldea e a súa contorna propostas e validadas por veciños e axentes do territorio.


Sobre PAISACTIVO

PAISACTIVO busca crear unha rede transfronteiriza de iniciativas exemplares en Galicia e Portugal que demostren novas formas de vivir, traballar e coidar os espazos rurais, combinando innovación social, recuperación patrimonial, conservación da biodiversidade e creación de valor local. No marco do proxecto establecéronse dous pilotos, un na aldea modelo de Infesta (Monterrei, Ourense) e o segundo na portuguesa de Almofrela (Município de Baião).

O consorcio que impulsa este proxecto está formado por 8 entidades beneficiarias. Coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, os socios galegos son a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Juana de Vega e o Concello de Monterrei (Ourense). Por parte de Portugal participan a Comunidade Intermunicipal do Tâmega e Sousa, a Câmara Municipal de Baião, a Faculdade de Letras da Universidade de Porto (FLUP) e a Direção-Geral do Território (Governo de Portugal).

PAISACTIVO conta cun orzamento total de 1.581.486,26€ financiado ao 75% polo Programa de Cooperación Interreg POCTEP 2021-2027. Este 2026 é o último ano de traballo.

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas