
O principal obxectivo da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar unha base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.
A xestión adecuada da terra agraria é imprescindible para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, os obxectivos do Pacto Verde da UE e os do Pacto Europeo polo clima. Ademais, a seguridade esixe garantir a competitividade das explotacións agrícolas e a resiliencia dos sistemas alimentarios locais e rexionais, polo que resulta esencial protexer un recurso escaso e non renovable como é a terra agraria, así como asegurar o seu acceso aos produtores agroalimentarios.
Tal e como se establece no artigo 7 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural elaborará cada ano un plan de acción anual que inclúa as actuacións encamiñadas á recuperación da terra agraria e que deberá ser publicado na páxina web desta axencia. Neste enlace pode descargase o documento correspondente ao Plan de actuacións para o ano 2023.
O Sistema de Información de Terras de Galicia é un sistema de información xeográfica que dá acceso á información sobre todos os procedementos e instrumentos recollidos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia
A través desta norma establécese o marco xeral en Galicia para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos, a loita contra o seu abandono e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e de facilitar a terra a quen a desexe traballar.
A lei, froito dun mandato do Parlamento de Galicia, ofrece un abano de instrumentos e posibilidades para mellorar a base territorial das explotacións xa existentes, facilitar a remuda xeracional no sector agroforestal e xerar riqueza e emprego no rural.
Instrumentos de ordenación:
· | Investigación da titularidade. |
· | Mapa de usos agroforestais de Galicia. |
· | Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. |
Instrumentos de mobilización de terras:
· | Banco de terras. |
· | Banco de explotacións. |
· | Permutas. |
Instrumentos de recuperación de terras:
· | Polígonos agroforestais. |
· | Agrupacións e actuacións de xestión conxunta. |
· | Aldeas modelo. |
Presentacións:
Fai clic nas imaxes seguintes para acceder ás presentacións sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.